6 consellos para desconectar e sosegarse na casa
Este ano que deixamos atrás non foi fácil. E é que tivemos que adaptármonos a un novo xeito de vida algo complexo e incerto. Por iso, aprender a desconectar e sosegarse na casa converteuse nunha necesidade importante para o noso novo día a día. A saúde mental tamén é importante!
Crenos se che dicimos que sempre hai tempo para parar e respirar, mesmo no día máis atafegante. Contámosche como podes desconectar do traballo, tanto se traballas fóra da casa como se teletraballas. É algo necesario para o teu benestar, para a túa estabilidade emocional e para a túa felicidade e a dos teus. Así que non perdas estes 6 consellos para desconectar e sosegarte na casa.
1. Crea un recuncho de relax en casa
O noso fogar é o noso refuxio ao rematar a xornada de traballo, quer ao pechar o computador despois de traballar en remoto quer ao entrar pola porta tras a xornada. Por iso é tan importante que non sexa un auténtico caos e que busquemos un recuncho onde relaxarnos.
E se aínda non tes localizado ese recuncho na casa, podes crealo! Por exemplo, podes facelo enfrontando dúas cadeiras de brazos como neste caso. Así podes compartir máis momentos en familia ou en parella, cunha tranquila parolada e un aperitivo. Ou ben para descansar mentres lle botas unha ollada a unha revista ou les un libro tranquilamente.
Sabías que ter un lugar específico que dedicamos unicamente a relaxarnos axúdanos a facelo de xeito case automático cando estamos nel? O noso cerebro comprenderá que alí estamos tranquilos e seguros, que este é o momento e o lugar de desconectar.
Un consello para desconectar e sosegar na casa: quita os zapatos e pon zapatillas de andar por casa, roupa cómoda, apaga o teléfono e busca unha actividade que te relaxe. Aínda que sexan unicamente 30 minutos, dáte ese respiro diario para facer algo que che guste e desconectar ao 100 %.
2. Aprende a respirar: inflúe no noso benestar
A respiración inflúe moitísimo nas nosas sensacións, nas nosas emocións e na nosa forma de afrontar as cousas. Por iso é tan importante que cando esteas abafado ou tenso pares durante 5 minutos para que todo volva á normalidade.
Cando esteas na casa e teñas sensación de inquietude, busca un lugar tranquilo, como un recunchiño no que esteas só e sen que ninguén te moleste. Respira de forma acougada, inhalando e exhalando de xeito tranquilo e pensa en positivo. Podes acompañar este momento de paz cunha infusión quente ou unha cunca de leite (evita o café). Case nada é tan importante que non poida agardar este tempo.
Mesmo o peitoril da fiestra, cunhas mantiñas e coxíns, pode converterse no lugar máis apetecible do mundo enteiro para desconectar e sosegar na casa.
3. Dedícate tempo
Un dos principais puntos que ter en conta para tranquilizarse e desconectar na casa é gozar de tempo para nós: tempo de lecer, de paz, de desconexión, de facer as cousas que nos fan felices...
A que nos referimos?
- Ler un libro ou revista
- Facer deporte na casa
- Estiradas para relaxar as costas
- Ver unha película ou documental
- Escoitar algún podcast
- Falar por teléfono cun amigo ou amiga con quen haxa tempo que non falamos
- Pensar en plans apetecibles para a fin de semana
Ter lecer diario máis alá do traballo é fundamental para ser feliz, así que non o dubides! Desconecta e deixa o desacougo a un lado dedicándolle tempo ás cousas que che fan feliz.
4. Elixe a música axeitada para te relaxares
Sabes como o estrés de cada día repercute no teu corpo? Sobrecargas musculares, contracturas, exceso de cortisol que pode acabar en subidas de tensión… Por iso dicímosche unha e outra vez que penses en ti, na túa saúde e en desconectar e sosegarte nese lugar tan importante que é a túa casa.
Un dos métodos que máis nos gustan é a música. Tómbate no sofá, na cadeira de brazos ou en calquera lugar tranquilo. Colle uns auriculares que te illen ben e escolle unha lista de reprodución relaxante. Sabías que cando escoitamos música que nos fai sentir tranquilos e felices redúcense os niveis de cortisona (a hormona relacionada coa ansiedade) e a mente libera a tensión acumulada?
Dedica, aínda que sexan só 10 minutos a pechar os ollos, subir o volume e combater o estrés e o nerviosismo na casa.
Se hai algo fundamental na nosa relaxación e desconexión na casa, iso é un bo descanso. Así que non perdas este vídeo con consellos para durmires ben:

5. Dáte unha ducha ou baño relaxante
A auga quente é xenial para relaxármonos na casa. O mellor que podemos facer é darnos unha ducha, xa que aforramos gran cantidade de auga en comparación cun baño. Aínda así, podes darte un capricho moi de cando en vez cun baño quente de escuma e aromas relaxantes.
Sabes todos os beneficios dunha ducha ou baño de auga quente?
- Axuda a reducir a sensación de ansiedade
- Libéranos da rixidez muscular, deixando os músculos máis relaxados
- Calma o desacougo cotián
- Coa auga quente eliminamos toxinas e melloramos a circulación do sangue
- Calmamos a dor do corpo, así como a inflamación
E se ao saír te secas cunha toalla suave e quentiña, quedarás como novo!
6. A risa axúdanos a desestresarnos
Por último, algo tan sinxelo como a risa é fundamental para o sosego e relaxarnos. Ao rirmos, liberamos endorfinas e dopamina, mentres que diminúe a hormona do cortisol (relacionada coa ansiedade e o estrés). Por iso, recomendámosche que fagas todo o posible por rir cando esteas na casa.
Pon unha serie que saibas que sempre che saca un sorriso, un monólogo, fala de anécdotas divertidas coa túa parella ou os teus amigos...
Está na túa man axudarte a ser un pouquiño máis feliz!
Queres poñer todo isto en práctica para relaxarte e sosegarte na casa? Se queres máis ideas relacionadas co benestar, non perdas estes artigos.
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.