Como crear unha zona de traballo se non tes espazo
Aquí tes 3 alternativas ao escritorio convencional para crear o teu espazo de estudo na casa cando non hai moitos metros cadrados. Aprende a aproveitar ao máximo o espazo da túa casa e fai de calquera recuncho un lugar perfecto para poñerte a traballar.
Non o perdas!


Un escritorio con rodas
Cando non tes nin unha soa mesa na que poder traballar e necesitas quedar na casa, esta é a túa alternativa perfecta.
Conforma un espazo de estudo supermóbil reunindo todo o que necesitas nunha cadeira preparada para traballar. Na parte traseira, colga un sistema de almacenaxe no que poidas colocar o material que necesites, como algún libro, cadernos, unha calculadora e mesmo un estoxo. E podes apoiar o ordenador portátil nun soporte acolchado.
Non tes luz abondo? Non te preocupes: sempre poderás usar unha lámpada LED con USB para conectala ao ordenador. Ah! Non esquezas ter á man os teus cascos para poñerlle ao teu traballo a mellor banda sonora. Ao choio!
Bandexas para o almorzo: as nosas novas mesas
En ocasións nin sequera temos á man unha sinxela cadeira de estudo e moito menos un soporte para o portátil, pero necesitamos facer un traballo urxente. Ante unha emerxencia coma esta, que podemos facer? A nosa proposta baséase esta vez en algo tan sinxelo como unha bandexa.
Nesta mesa-bandexa temos o espazo xusto e suficiente para saír do paso. E o resto de obxectos, como bolígrafos e cadernos, podemos poñelos nun organizador de escritorio para telo todo gardado xunto. Se non dispós disto último, un vaso ou un tarro tamén che servirán como gobelete improvisado.
Reúne o esencial, incluída unha bebida e un aperitivo para unha merecida pausa. Lembra que unha boa alimentación e as pausas periódicas tamén son importantes durante as xornadas de traballo. Hai que aprender a tomar un respiro de cando en cando.
O estudo que aparece e desaparece
Cando o tempo e o espazo son moi limitados, é posible que as cousas teñan que superpoñerse literalmente unhas enriba das outras.
Como última alternativa ao escritorio convencional, propoñemos recorrer á maxia das patas regulables, como as de OLOV. Tan só terás que medir a mesa do teu salón e conseguir un taboleiro un pouco máis estreito (debe caber por dentro das patas da mesa). Engádelle unhas patas axustables e listo! Xa tes o teu propio escritorio.
Cando queiras traballar, só terás que sacar de debaixo da mesa o teu pequeno estudo. E cando chegue a hora da cea, poderás volver escorregar o escritorio debaixo da mesa para gozar dese momento coa familia sen perder o teu traballo.
Se necesitas unha axuda extra, ten á man unha mesa auxiliar con rodas para colocar o resto dos obxectos e desprazalos comodamente. Chas! Todo aparecerá e desaparecerá como por arte de maxia. Visto e non visto.
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.