Como comunicarse cun fillo adolescente
Manter unha boa convivencia familiar non sempre é doado cando temos adolescentes na casa, xa que están a pasar da nenez á idade adulta, con todas as emocións que acompañan este proceso. Para axudar as familias a ter unha mellor comunicación cos seus fillos na casa, falamos con Cristina Gutiérrez Lestón, educadora emocional, que nos dá, en Formando fogar, seis consellos para comunicarse cun fillo ou filla adolescente.
Esperamos que vos sexa útil!

Máis consellos para falar con fillos adolescentes
Cristina Gutiérrez Lestón é educadora emocional e directora de "La Granja Ability Training Center", a primeira granxa-escola cun método de educación emocional rexistrado. Ademais, a experta compaxina o seu traballo en La Granja coa formación, a divulgación e a súa faceta de escritora de libros e contos educativos. O último, publicado o pasado ano, "Crecer con valentía: un libro para que tus hijos conquisten sus miedos y desarrollen su potencial".
Aproveitando a súa participación no noso espazo Formando fogar, quixemos visitala para que nos axude a comprender mellor os nosos adolescentes e así poder mellorar a comunicación familiar e, en definitiva, o benestar do noso fogar.
Toma nota dos seus consellos!
Cal é a clave para ter unha boa convivencia familiar con adolescentes?
Daría tres claves principais. A primeira, sentírmonos ben nós mesmos, os pais e nais, xa que é o mellor exemplo para que eles e elas aprendan como se fai. A segunda sería a confianza (etimoloxicamente, "ter fe"). Trataríase de confiar nos nosos fillos e fillas e en todas as súas posibilidades, quitando o foco de todo aquilo que fan mal. Isto daralles forza, autoestima e, sobre todo, confianza en si mesmos, algo que a estas idades resulta vital e os animará a superar as súas áreas de mellora. Por último, a terceira (e fundamental) clave é que os pais e nais xeremos, de xeito intencionado, emocións positivas na casa: sorrir, ser optimistas, estar motivados, ilusionados e ter esperanza.
Como podemos conectar cos nosos fillos adolescentes para entendelos e ter unha mellor relación familiar?
Cando escoitamos os nosos fillos adolescentes, para que o facemos? Para responderlles ou para entendelos? Se é para entendelos, conectarás con eles. Se non é para iso, non.
Cun adolescente na casa, creo que deberiamos colgar un letreiro enorme na cociña coa frase: "Se xulgas, non entendes. Se entendes, non xulgas". Custa deixar de xulgar, pero para que iso non se repita neles, poñamos atención en tentar xulgar menos e entender máis a súa postura, o que pensan e o que cren sobre unha determinada situación. Se lles preguntas "Como chegaches a esa conclusión?" ou "É interesante a túa postura, explícasma?", as súas respostas adoitan ser fascinantes, de verdade!
Moitos adolescentes péchanse en si mesmos e a comunicación con eles é difícil. Como podemos lograr que se expresen e que conten aos seus pais os seus problemas?
Por que che haberían contar os seus problemas se ti non lles contas os teus? Se facemos ver que todo está ben, se disimulamos os nosos problemas no traballo ou co xefe, se finximos que as nosas relacións con irmáns, avós ou cuñados son sempre xeniais, no fondo estamos a dicirlles "nesta casa non se fala dos problemas" ou "os conflitos deben esconderse" ou "hai que facer ver que todo é perfecto". Así tampouco saberán solucionar os problemas, xa que non llelo ensinamos.
Non nos debemos avergoñar das nosas pequenas batallas. Se tes un problema cun cliente, explícao na cea dun xeito que o teu fillo ou filla poida entendelo. Non se vai a traumatizar. Precisamente se hai algo que traumatice é facer o contrario e pasar o día disimulando! Pódeslle dicir: "Vaia día tiven. Teño un cliente enfadadísimo e non sei moi ben como xestionalo". Verás como os teus fillos che preguntarán con interese e daranche ideas creativas e orixinais (e nunca buscarán a culpabilidade en ti, xa que normalmente tenden a buscar solucións). Este truco funciona en dous aspectos, xa que eles, aos poucos, tamén empezarán a contarche as súas cousas.
Como poden conseguir os pais e nais que os fillos cumpran as normas establecidas na casa? Recorrer ao castigo é axeitado?
En La Granja temos un letreiro coa frase "Aquí non castigamos os erros, aquí reparamos os efectos". Se insultou a súa irmá, non castiguemos o feito, xa que todos nos equivocamos. Pidámoslle que repare o dano que lle causou: "A túa irmá está chorando. Como podes reparar o que provocaches?". Sen berros, sen nervios. Só con paciencia e crendo que o teu fillo ou filla atopará a resposta para solucionalo.
Sempre digo que sabemos o tipo de pai e nai que somos cando o noso fillo ou filla nos decepciona. Cando sentimos que nos fallan, podemos facer dúas cousas: dignificalos ou humillalos. Castigar o erro (o típico "Xa non te aturo máis! Sempre insultando a túa irmá!") humíllaos, o que os leva ao malestar, á baixa autoestima e mesmo a chegar a crer que son malas persoas. Dignificar é saber que el ou ela son boas persoas, aínda que nun momento dado realizasen unha mala acción, basicamente para que tamén o teñan claro nos seus peores momentos. Iso permitiralles buscar unha forma de reparalo. Cambiemos o castigo pola reparación e o fogar será un lugar máis amable.
Debemos ser "amigos e amigas" dos nosos fillos ou só pais e nais?
Debemos ser pais e nais, o que implica unha parte de afinidade e conexión que fai das relacións algo precioso, único e especial. Os amigos son amizades, máis ou menos profundas, pero amizades á fin e ao cabo. Teñen a súa función e iso é fantástico. Pero nós somos moito máis que unha amizade. Debemos ser mentores, mestres de vida, adestradores de habilidades, potenciadores de talentos. Debemos ser o amor incondicional, a esperanza de que loitaremos por eles ata o final, a forza da familia, a seguridade de que a súa casa é o seu refuxio e sempre será ben recibido.
Como debemos actuar ante a rebeldía dun fillo ou filla adolescente?
Aos pais e nais con fillos ou fillas cun forte carácter deberiamos avisarlles de dúas cousas cando estes aínda son pequenos pero xa apuntan maneiras. A primeira que marquen hábitos e límites claros a diario. A segunda é que empecen a formarse en educación emocional, porque a precisarán, xa que os seus fillos os retarán case cada día. Se a nosa resposta está chea de rabia ou frustración, a cousa non irá ben.
Estes cativos con tanto carácter son moi intelixentes e teñen tanta forza que son os que están neste mundo para cambialo. E será para mellor ou para peor, segundo a educación que lles deamos. Polos "rebeldes" que vexo no meu traballo e no sistema educativo, sinto que hai tanto talento desperdiciado que se me rompe o corazón. Paréceme moi inxusto, non só para estes rapaces indómitos, senón tamén para os seus sufridores pais e nais. Nunca lles ensinaron os trucos da educación emocional que tanto axudan a regular temperamentos e sacarlle proveito á forza e ao talento dos seus fillos.
Cando temos que recorrer á axuda externa dun profesional para soportar ou mellorar a relación cun fillo ou filla adolescente?
Cando se nos esgoten os recursos e as ferramentas para que haxa unha relación que funcione e certa paz na casa. Cando ti ou os teus fillos ou fillas vos sentides desbordados ou cando eles estean tristes máis de tres meses (apáticos, morriñentos, desmotivados, desilusionados, sen esperanza...). Despois dunha pandemia mundial, estes aspectos aumentaron significativamente, así pois, se cómpre, debemos actuar.
A ferramenta preventiva para evitar todo isto, é unha ciencia aplicada que se chama educación emocional. Aproveitade todas as oportunidades para facerdes actividades de educación emocional en familia e se pode ser, na natureza. Este tipo de dinámicas son moi divertidas e as relacións melloran (tanto na familia como no traballo). Ademais, hainas con cabalos de doma natural, con animais de granxa e deportes de aventura como as que facemos en La Granja.
Soñade, meus, e facede, xunto cos vosos fillos e fillas, este mundo inmenso”
Cristina Gutiérrez Lestón
Como poden os pais e nais axudar os seus fillos na adolescencia a madurar e a medrar como persoas?
Custa coidar se non te coidas primeiro a ti. Custa querer ben se non te queres antes a ti mesmo. É difícil estar ben cos demais cando non o estás contigo mesmo. Para axudar os fillos e fillas, primeiro debes estar ben ti. Eu empezaría por aí. E o último consello dóuvolo a través deste contiño:
Un neno pregúntalle a un sabio:
- Canto mide o universo?
E o sabio contéstalle:
- O universo ten a medida do teu mundo.
Ao que o neno, que non entende o tamaño do seu mundo, pregunta de novo:
- E canto mide o meu mundo?
E o sabio respondeulle:
- O teu mundo, meu fillo, ten a medida dos teus soños.