Saltar

Como a nosa casa inflúe no noso benestar

 Parácheste a pensar canto tempo da túa vida pasas en lugares pechados? Existen moitos estudos sobre como a contorna e os espazos inflúen nas persoas, pero a maioría están centrados en aspectos construtivos. Con todo, non son os únicos aspectos que se deben ter en conta á hora de deseñar unha casa, xa que a contorna tamén inflúe nas nosas emocións e no noso cerebro. Por tanto, o deseño de calquera espazo debe responder a estas necesidades.

En Formando fogar falamos co arquitecto e experto en neuroarquitectura Juan Luis Higuera Trujillo, que nos conta como a nosa casa inflúe no benestar e algúns consellos de deseño para acadar espazos máis acolledores e beneficiosos para a nosa saúde emocional. Esperamos que vos sexan útiles!

Como afectan a decoración e a orde nas nosas emocións

Juan Luis Higuera Trujillo é arquitecto e investigador na área de neuroarquitectura da Universitat Politècnica de València. Coa súa axuda quixemos descubrir como deben ser os espazos perfectos para o noso benestar na casa. Descubre as súas recomendacións!

 

Cales son os aspectos que debemos coidar á hora de decorar a nosa casa pensando no benestar?

Cando se deseña unha vivenda, deben coidarse todas as posibles variables de deseño. Algunhas das máis estudadas son a xeometría (que inclúe os contornos e os ornamentos, por exemplo), a iluminación, a cor e presenza de natureza. Pero o deseño non queda definido só por estas variables, nin tampouco é só visual. Debemos prestar atención a todos os sentidos. Cantas máis variables controlemos axeitadamente, maior será a repercusión. 

Como inflúe a orde no noso benestar? 

A orde axúdanos a atopar padróns. Esta influencia cognitiva e emocional ten repercusión no noso benestar a distintos niveis. Se consideramos o nivel utilitario, é evidente que a orde nos axuda a sermos máis eficientes nas nosas actividades. Por exemplo, nun espazo de traballo ordenado atopamos as nosas ferramentas e rematamos antes as tarefas. O contrario pode influír negativamente e, polo tanto, reducir o noso benestar. Con todo, a influencia da orde vai máis aló do nivel utilitario.

O noso cerebro traballa en entender o sentido dos deseños do espazo que nos rodea, aínda que non esteamos a desenvolver ningunha tarefa que esixa tal. Descubriuse que temos preferencia polos deseños de complexidade intermedia, pero ordenados. Trátase de xerar un ambiente estimulante, pero que non se exceda. É dicir, buscar o equilibrio.   

Como debería ser o espazo ideal para descansar? E para traballar?

A nivel utilitario, debemos determinar ben as actividades (e as necesidades derivadas) que imos abordar en cada un deses usos. A nivel cognitivo-emocional, debemos configurar e adaptar todas as variables de deseño posibles. Facelo á medida esixe un estudo experimental de neuroarquitectura, o que non sempre é posible. Afortunadamente, existen pautas que serven de orientacións xerais e todos podemos beneficiarnos deste coñecemento.

Neste caso, unha aproximación sería comezar pola cor e a iluminación. Por exemplo, un espazo para descansar (como un dormitorio), pode requirir tons moderadamente cálidos e saturados, cunha iluminación tenue e indirecta e un espazo para traballar (como un despacho), pode precisar tons fríos e pouco saturados, cunha iluminación directa intensa (sen molestar) e fría. A cor e a iluminación ofrecen unha morea de configuracións e combinándoas podemos conseguir atmosferas moi diferentes e potentes.

Neste sentido, o máis acaído sempre será separar e adaptar os espazos para un só uso. Cando deben coexistir (como o cuarto no que traballa un estudante), cómpre pensar en configuracións polivalentes ou solucións modificables. É un reto para a creatividade, pero cada vez existen máis solucións tecnolóxicas ou de mobiliario multifuncional que o facilitan. 

Os materiais e os mobles interveñen no benestar?

 A materialidade é unha cuestión moi importante a nivel cognitivo-emocional e, polo tanto, para o benestar. Isto é así porque implica moitas variables. Por un lado, un material presenta unhas variables obxectivas concretas, como unha cor, un reflexo, un tacto, un cheiro, etc. Cada unha destas variables ten un efecto cognitivo-emocional. Por outra banda, un material tamén evoca variables subxectivas, como unha asociación de familiaridade ou novidade, de status social, de nocións culturais, etc. Dado que só cambiar a cor dun cuarto ou dun moble pode xerar un cambio significativo no estado emocional, a materialidade é unha cuestión moi relevante para un deseño orientado a xerar benestar.

E a decoración das nosas casas ten efectos sobre o noso estado de ánimo? 

Toda a contorna que nos rodea inflúe a nivel cognitivo e emocional. Cada elemento desta contorna ten un efecto, que pode ser de maior ou menor entidade. Neste sentido, a decoración é unha cuestión que involucra moitas variables. De feito, só a través da decoración é posible transformar a atmosfera dun espazo. Isto pode facerse en exclusividade, cando non é posible modificar outras variables (como a cor ou a iluminación xeral do espazo) ou xunto con outros factores (aproveitando a sinerxía que xorde cando temos en conta diferentes variables no momento do deseño). Ademais, algúns elementos decorativos poden ter repercusións complementarias. Por exemplo, unha planta como decoración pode contribuír a xerar unha atmosfera natural que reduza o estrés ou un moble pode contribuír á orde. Así pois, no momento de deseñar, débeselle prestar unha atención importante á decoración.

A casa é o noso investimento económico máis importante e o lugar no que máis tempo pasamos. Por iso é fundamental adaptala ás nosas necesidades utilitarias e emocionais.

Juan Luis Higuera Trujillo

Como se implementa a neuroarquitectura nos espazos?

Existen dous enfoques diferentes: neuroarquitectura experimental ou neuroarquitectura baseada na bibliografía científica. Cada enfoque é diferente en alcance e precisión.

A neuroarquitectura experimental é a que desenvolvemos os grupos de investigación. Actualmente, somos poucos a nivel internacional. En parte porque é unha disciplina relativamente emerxente (no laboratorio de neuroarquitectura da Universitat Politècnica de València, que fomos uns dos pioneiros a nivel internacional, levamos 10 anos traballando) e, en parte, pola particular infraestrutura tecnolóxica e científica que se precisa. Hoxe en día, non é posible realizala desde un estudio de arquitectura. Con este enfoque, todo o espazo podería adaptarse ás necesidades cognitivo-emocionais de cada un dos seus usuarios. Sería un espazo deseñado mediante neuroarquitectura experimental.

A neuroarquitectura baseada na bibliografía científica é a que se fundamenta nos resultados que os grupos de investigación publicaron en medios académicos especializados. En ocasións, estes resultados son extrapolados en directrices de deseño. Aínda que tradicionalmente non foi un xeito usual de traballar e aínda é pouco frecuente, cada vez máis arquitectos e deseñadores poden recorrer a estas directrices de deseño. Con este enfoque, algunhas partes do espazo poderían adaptarse ás necesidades cognitivo-emocionais dos usuarios en xeral.

Sempre fago a mesma analoxía. Funciona igual que coa roupa: podemos deseñar un traxe á medida (neuroarquitectura experimental) ou deseñalo tendo en conta algunhas das medidas dos usuarios en xeral (neuroarquitectura baseada na bibliografía científica).