Batchcooking: 3 receitas sinxelas para o teu menú semanal
Precisas ideas para o teu menú semanal? Apúntate ao hábito do batchcooking e non perdas estas 3 deliciosas receitas para planificar as túas comidas para toda a semana. Cociña ao grande e come ben todos os días!


Co exceso de tarefas e traballo, ás veces descoidamos comer ben e de xeito saudable. Pero, con bos hábitos como o batchcooking, podemos reconciliarnos coa nosa alimentación e non renunciar nunca máis a unha dieta sa, equilibrada e, por que non dicilo? Para lamber os dedos!
Pero, antes de nada, que é o batchcooking? Este termo non é outra cousa que planificar os menús da semana, ir á compra coa lista feita e organizada para podermos facer nunhas horas varios pratos básicos que nos axuden a comer de forma equilibrada durante esa semana e as seguintes. Moito máis claro agora, non?
Pois, agora que xa nos situamos, vexamos as 3 receitas que nos propón a nosa embaixadora Rocío (@kidsandchic) para o noso menú semanal. Toma nota!
1- Crumble de ameixas e arandos
Lembra que o batchcooking baséase en cociñar en grandes cantidades, así que todas as receitas que che imos amosar están pensadas para varios días.
Esta receita de crumble de ameixas e arandos é perfecta para cociñeiros inexpertos, xa que aínda que polo seu nome poida parecer complexa e de chef profesional, é realmente sinxela.
Nº de racións: 10-12
Tempo de preparación: 40 min.
Dificultade: moi baixa
Ingredientes
- 8 ameixas maduras
- 1 cunca de arandos frescos
- 1 cunca de amorodos
- zume de 1 limón
- 1 culleradiña de canela en po
- 1 cullerada de vainilla
- 2 culleradas de panela (podes engadirlle un pouco máis se o queres máis doce)
- 2 vasos de flocos de avea
- 2 culleradas de granola
- 5 culleradas de fariña de améndoa + 2 culleradas de fariña de avea
- 1 cullerada de vainilla
- 5 culleradas de manteiga sen sal
- 5 culleradas de mel
Elaboración:
- Pon a prequecer o forno a 180 °C.
- Lava a froita e corta as ameixas e os amorodos en anacos medianos.
- Colócaa no fondo do molde que vaias utilizar.
- Engade o zume de limón, a reladura, a canela, a vainilla, a panela e mestura ben cunha culler.
- Nun cunco á parte, engade os ingredientes do crumble e mestura coas mans ata que quede unha textura areosa e con grumos.
- Engade o crumble e espállao por riba da froita que engadíramos ao molde.
- Enforna durante uns 30-40 minutos ata que estea dourado.
E listo! Podes servilo morno cun chisquiño de iogur cremoso, leite vexetal ou cunha deliciosa bóla de xeado. Ti elixes.
2 - Coliflor asada con crema de pementos vermellos e pemento doce
Malia a mala fama que ten a coliflor, é un alimento delicioso e estupendo para engadirmos á nosa dieta, polo que imos integrala na nosa rutina de batchcooking. Rocío optou por asala e acompañala dunha pintoresca e gorentosa crema de pementos. Mira que rico!
Nº de comensais: 2-6
Tempo de preparación: 30 min.
Dificultade: baixa
Ingredientes
- 1 coliflor mediana
- 3 pementos vermellos asados grandes
- 4 tomates secos deshidratados
- 1 cunca mediana de pipas de xirasol ou cabaza
- Zume de ½ lima
- ½ cullerada de escamas de pemento doce
- 1 cullerada de aceite de oliva
- 2 dentes de allo picados
Elaboración
Para a crema de pementos vermellos:
- Torra as pipas nunha tixola cun pouquiño de aceite e unha chisca de sal.
- Tritura os pementos vermellos asados (limpos de pebidas), as pipas, os tomates secos rehidratados, o zume de lima, os allos pelados, o aceite e o pemento doce ata conseguires unha mestura homoxénea.
- Engade as escamas de pemento doce por riba e reserva nun tarro de cristal ata o seu uso.
Para a coliflor asada:
- Retira as follas exteriores e o talo inferior para que poidas apoiar comodamente a coliflor sobre a táboa de cortar.
- Utiliza un coitelo grande e corta a coliflor en rodas de 1,5 cm de grosor. Atención: Sobraranche restos que se irán esboroando, pero non os tires. Podes asalos ou gardalos para outras receitas.
- Pinta cada lado das rodas de coliflor coa crema de pementos vermellos.
- Acende a grella a boa potencia, engade un chorriño de aceite de oliva e coloca a coliflor pintada envolta en papel de forno. Deixa que se faga durante uns 6 minutos.
- Cando a parte inferior do papel empece a torrarse, dámoslle a volta á coliflor para que se faga polo outro lado, pechamos de novo o papel de forno e deixamos outros 5 minutos. Deberá quedar tenra.
- Retira e sirve quente cun pouquiño de crema de pementos vermellos e ensalada. Hoxe comerás ben.
3 - Crema de ajoblanco
Unha cremiña sempre é unha boa elección para o noso menú semanal. E é que é un prato moi sinxelo e agradecido porque admite practicamente calquera cousa, está boísimo e é moi fácil de preparar.
Rocío preséntanos nesta última idea de batchcooking unha receita para cociñarmos unha crema de ajoblanco.
Nº de comensais: 4-6
Tempo de preparación: 25 min.
Dificultade: baixa
Ingredientes
- 200 g de améndoas crúas
- 2 dentes de allo pequenos
- 100 g de pan tipo bolo ou fogaza
- 1 litro de auga fría
- 100 ml de aceite de oliva virxe extra
- 35 ml de vinagre de viño e sal
Elaboración
- Pon o pan a remollo e reserva.
- Engade as améndoas crúas, a auga e os dentes de allo e báteo todo ata que quede ben mesturado.
- Engade o pan en anacos, o aceite de oliva e o sal.
- Volve mesturar a potencia alta ata que todos os ingredientes queden ben integrados e a crema quede cunha textura homoxénea e suave.
- Sirve con améndoas torradas e un chorriño de aceite de oliva.
Agora que xa temos algunhas ideas para prepararmos un gorentoso menú semanal, non esquezas organizar todas as túas friameiras para as túas xornadas de batchcooking seren produtivas. Se quixeres saber como poñer orde no desastre de caixón de friameiras que tes na cociña, fai clic no seguinte vídeo e bótalle unha ollada aos consellos de IKEA.

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.