5 ideas básicas para vestir a mesa para as túas reunións na casa
Pode que a nosa axenda social non sexa tan atafegada como a doutros anos e non teñamos tantas visitas en casa como antes. Porén, cando o momento o permite, e sempre cunha seguridade axeitada, si podemos gozar como antes das pequenas reunións na casa co noso círculo máis achegado.
Que tal se che ensinamos unhas cantas ideas para poñeres a mesa ben bonita de xeito accesible e doado e fagas ese momento aínda máis especial? Non perdas estes consellos prácticos e sinxelos para vestir a mesa en calquera ocasión.
Sabemos que unha das cousas máis importantes para triunfar nunha comida ou cea é preparar un menú sorprendente e delicioso co que vas namorar a todo o mundo a través do padal. Sen embargo, e sendo realistas, o primeiro no que nos fixamos sempre é na aparencia, a superficie. Así que, no caso das comidas en casa, por que non adornar un pouco a mesa para conquistar a vista e o gusto? Amosámosche todas as opcións que tes para conseguilo. Vamos!
Decorar a mesa con manteis e camiños
Comezaremos polo principal, os téxtiles. Segundo o tipo de mesa que teñas na casa, podes sacarlle partido dun xeito ou outro.
Por un lado, podes utilizar o propio moble como parte da decoración da mesa. Por exemplo, se tes unha mesa de madeira, estilo rústico, quedará de medo se a deixas ao descuberto.
O efecto da propia madeira daralle un toque moi favorecedor e tan só deberás decorala cos pratos e complementos que engadas.
Se tes unha mesa máis moderna, podes aplicar estoutra idea sinxela e orixinal de decoración. Con tan só uns manteis individuais podes vestir a mesa para decorala (e tamén protexela). É unha decoración sinxela, económica e moi favorecedora, que che parece?
Por outro lado, podes optar por vestir a mesa da sala de estar cun bonito mantel e mesmo combinalo cun camiño de mesa. Pensa nestas teas como se fosen o teu lenzo en branco. Se tes dúbidas, unha opción segura é apostar por un mantel liso que che permita xogar de diferentes formas coa vaixela que coloques enriba. As cores claras, como os crus ou os brancos, sempre son un acerto neste caso, especialmente se os pratos teñen algún tipo de estampado.
Como vestir a mesa cunha vaixela bonita
Podes pensar na decoración da mesa da seguinte forma: quero dar protagonismo á mesa en si ou quero que destaque a vaixela e sexa a que marque a diferenza?
Elixas o que elixires, nós recomendámosche que, para que sexa máis doado, sigas a seguinte regra: se pos un mantel estampado, acompáñao de pratos e vasos lisos (ou semitransparentes, como o que che amosamos na foto) e, se pola contra, pos un mantel ou un camiño liso, atrévete a introducir unha vaixela con debuxos ou estampados e incorpora máis detalles.
Centros de mesa para decorar as túas comidas
Os centros de mesa son uns acompañantes excelentes para facer unha presentación de mesa bonita e sorprendente. E o mellor é que podes deseñalos con calquera cosa, sexa un arranxo floral, como o da foto, unhas candeas ou combinando diferentes obxectos, como un cunco ou unha bandexa.
Se a túa mesa non é demasiado espazosa, xoga coas medidas deste elemento decorativo para que no entorpeza a xuntanza ou simplemente retírao e colócao noutra parte da casa para que non moleste. Neste caso, as flores sempre son comodísimas porque quedan ben en calquera espazo.
Adorna a mesa con vasos de cristal
Outra idea orixinal e moi sinxela para decorar unha mesa é xogar coa cristalaría. É tan elegante que queda ben en practicamente calquera decoración de mesa.
Nestes exemplos, apostamos pola nitidez duns vasos e unhas copas transparentes cun gravado fino. A luz natural que entra pola fiestra e traspasa o cristal dá ao espazo un efecto case máxico, non si?
Se queres darlle un toque máis desenfadado, lembra que hai un feixe de opcións diferentes para decorar a mesa con vasos de cristal. Por exemplo, podes utilizar algúns cun deseño máis liso e mesmo podes optar por uns vasos de cores.
Detalles caseiros para decorar a mesa
Queres personalizar e dar un toque especial á túa mesa? Nós animámosche a dares as pinceladas finais á decoración da mesa cuns detalles caseiros.
Que tal se recibes a cada comensal cunha pequena carta co menú que hai preparado? É un xeito moi orixinal de presentar a mesa como un restaurante profesional e non custa nada facela. Podes engadir pequenos adornos sobre cada prato e mesmo inventarlles o nome cunha idea enxeñosa que faga rir a todo o mundo.
Máis ideas? Podes decorar a carta cunha ramiña ou cun lazo. Outra opción podería ser unha pequena tarxeta co nome de cada persoa para que saiban onde sentar ou marcar as copas cunha cor o un pousavasos especial para non confundiren as copas.
Verás como con estes detalles acabarás de bordar un grande efecto final na decoración da túa mesa e sen apenas gastares.
Que che pareceu? Sigue estes pasos básicos e adáptaos ao estilo de decoración da túa mesa para que o resultado sexa impecable. Se queres máis ideas para os teus eventos na casa, non perdas esta selección especial de artigos.
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.