Como aproveitar as paredes para ter máis espazo na casa
Son un dos mellores lugares para gardar e ordenar as cousas na casa e, aínda así, non acabamos de sacarlles o máximo partido. Por iso, recompilamos algúns dos mellores usos que se lles poden dar ás paredes da casa, para que comprendas a súa utilidade.
Se vives nun piso pequeno ou sinxelamente necesitas máis espazo para gardar cousas e non queres gastar unha fortuna en conseguilo, non perdas detalle de todo o que che poden ofrecer as túas paredes. Verás que prácticas son.
Veña!
Máis espazo nunha cociña pequena
Se a túa cociña non destaca polas súas grandes dimensións, este método de almacenaxe e organización pode ser a solución perfecta para que resulte verdadeiramente funcional, a pesar do seu tamaño.
E é que, ás veces, as cociñas non teñen algo tan básico coma armarios de cociña abondo. Por iso, o primeiro do consello para aproveitar as paredes é que, se tes teitos altos ou algún oco baleiro, amplíes verticalmente o espazo de almacenaxe con algúns módulos de parede e armarios de cociña extra.
Sistemas de almacenaxe para organizar a cociña
Non te convenceu a opción dos armarios de cociña para aproveitar a parede? Que tal se, no canto diso, creamos unha estrutura para telo todo á man e á vista?
Existen os chamados organizadores de parede para cociña, que, ademais de reinventar o concepto tradicional de despensa, son unha solución perfecta para liberar espazo no mesado e nos mobles de cociña.
Neste caso, apostamos polas guías KUNGSFORS, xa que ten uns andeis regulables que permiten adaptar o espazo ás nosas necesidades. Fíxate na cantidade de cousas que podes almacenar!
Gardar cousas na sala sen que o espazo sexa un problema
Cambiamos de estancia para amosarche un exemplo máis do útil que resulta aproveitar o espazo da parede para organizar a casa. Imos directos á sala.
Quen imos enganar? O moble do televisor non é abondo para almacenar todas as cousas que acaban neste cuarto, nin sequera se engadimos algún andel extra. A sala é unha estancia que acaba tendo de todo un pouco: os xoguetes dos nenos, aqueles floreiros vintage que te namoraron, a gran colección de libros que aínda non acabaches de ler... E sabemos que non vas desbotar todo.
Pois ben, neste caso, as paredes volven ser as nosas mellores amigas, xa que nos achegan o espazo perfecto para gardar todas esas cousas e, ademais, facelo con estilo. Para estes casos, nada mellor que unha combinación de diferentes estantes e andeis. Se queres unha aposta segura, BILLY é un dos nosos comodíns favoritos, xa que, ademais de ser económico, ten andeis regulables para que poidas decidir o tamaño de cada oco. Sabías que boa parte deste produto está fabricado con material renovable?
Teletraballar ou estudar nun escritorio funcional e motivador
Cun pouco de enxeño, podes sacar o máximo partido ás túas paredes para crear espazos verdadeiramente útiles, coma unha zona na que traballar dende a casa ou estudar. Incluso dentro da propia sala.
Ao utilizar toda a parede desta sala de estar, conseguimos un espazo flexible e cómodo, adaptable a diferentes actividades, como o traballo, os pasatempos ou o estudo. Como se logrou?
É tan sinxelo como rodear o escritorio con estantes de parede e outras solucións de almacenaxe. Deste xeito, despexamos a mesa e logramos unha zona propicia para a concentración e a produtividade, ademais de conseguir espazo adicional para gardar libros e cadernos (como fixemos no oco intermedio entre os andeis) de xeito ordenado e estético.
E falando de estética, que tal se a parte de arriba de todo a utilizamos para algo máis decorativo? Coloca alí os teus cadros e fotografías favoritos, de xeito que este espazo non sexa só funcional, senón tamén motivador e inspirador, independentemente da actividade que realices nel.
Solucións de parede para dormitorios infantís
Non queremos que te fixes nas dimensións desta estancia, senón máis ben na variedade de solucións que podes poñer na parede para gardar e organizar as cousas dos teus fillos. E é que manter ordenado o dormitorio dos nosos peques sempre é un gran reto.
Para ter moito máis espazo no cuarto e que todo estea un pouco máis ordenado, podes elixir entre estas opcións:
- Estantes: moi útiles para gardar os xoguetes máis voluminosos. Se queres, podes escondelos dentro dunhas bonitas caixas con tapa ou unhas cestas.
- Taboleiros perforados: perfectos para colgar o horario do cole e as tarefas diarias, e incluso gardar obxectos máis pequeniños, que queiras ter preto do escritorio, en caixiñas colgantes.
- Estantes de parede: ao ter a parte frontal aberta, ao teu fillo non lle custará atopar, por exemplo, o seu libro favorito. Ademais de contos, tamén serven para colocar debuxos ou obras de arte, por exemplo, ao gusto do neno.
- Colgadoiros infantís: son divertidos, coloridos e moi útiles para colgar, por exemplo, a mochila, a chaqueta e a corda de saltar para o recreo ao chegar do cole, ou colares e complementos.
- Lámpadas infantís de parede: sabemos que non serven para ordenar, pero resultan útiles se non hai espazo para o flexo ou a lampadiña de noite. Que che parece?
Convirte a parede no armario perfecto
Facemos un pouco de "maxia" para gardar a roupa. O conxuro é moi sinxelo e pronúnciase BOAXEL. Este sistema serve tanto para crear un roupeiro propio como para acondicionar ese espazo no que gardas en caixas a roupa doutras tempadas. Trátase dunha estrutura composta por cestas de reixa, estantes e barras. A súa distribución é totalmente modificable, polo que poderás adaptarte ás túas necesidades e facer espazo tanto para os zapatos como para os abrigos máis grosos.
Un truco extra: aproveita o espazo dende o alto da estrutura BOAXEL ata o teito para colocar algúns estantes. Será o sitio perfecto para as cousas que van en caixas organizadoras e bolsas de roupa.
Un sistema ideal para o cuarto da coada
A que outra estancia lle pode ir de marabilla un gran sistema como o que che amosamos no exemplo anterior? Efectivamente, ao cuarto da coada.
Seguro que máis dunha vez pensaches en como organizar o cuarto da lavadora e do ferro de pasar para poñer fin ao caos que reina nel: a roupa sucia, a roupa limpa, a clasificación da roupa branca e de cor, as pinzas, as toallas, o espazo da roupa interior... Que lea!
Pois ben, grazas aos sistemas modulares de parede, non só poderás ordenalo todo perfectamente, senón que che resultará máis sinxelo realizar as tarefas e así gañarás tempo para outras cousas que che gusten máis. Esta vez utilizamos a estrutura BOAXEL, formada por dúas seccións, unha das cales ten a medida xusta para non chocar coa lavadora. Incluso leva integrado un tendal para poñer a secar ao aire o que necesites.
Que che pareceron todas estas solucións que che ofrecen as túas paredes? Se che gustaron, non perdas estas outras ideas para aproveitar cada recuncho da túa casa.
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e os cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.