4 trucos para aproveitar o espazo na cociña
Vas un pouco xusto de espazo na cociña? Nese caso, recomendámosche botar unha ollada a estes trucos de almacenaxe para aproveitar calquera recanto, mesmo os máis complicados. Imos aló!
Fíxate ben na túa cociña; seguro que, por pequena que sexa, hai máis dun lugar que non estás aproveitando ao máximo. Dende un recuncho entre electrodomésticos ata un oco na parede. A continuación ensinámosche algunhas técnicas moi sinxelas e económicas para que poidas sacar partido a calquera espazo da túa cociña.
1. Organizadores de parede
É habitual que nunha cociña haxa pequenos ocos de parede libres como, por exemplo, a parede situada xuntos aos elementos de gran tamaño, como os extractores ou as saídas de fume.
Podes colocar organizadores de parede pequenos e a bo prezo como os da imaxe para aproveitar estes pequenos recantos. Tamén podes optar por andeis para almacenar o que precises ou guías magnéticas ou con ganchos para pendurar os utensilios de cociña. Con estas sinxelas solucións gañarás espazo practicamente sen decatarte. Iso si, para facelo todo o máis práctico posible, recomendámosche colocar o que máis vaias utilizar xusto nesa zona da cociña.
2. Un colgadoiro extraíble
Non importa se o espazo entre os armarios e a parede é diminuto, podes aproveitalo para algo máis que acumular po. Podes utilizalo, por exemplo, para gardar todas as cousas de limpeza: trapos, plumeiros, cepillos... Como? Pois cun colgadoiro extraíble como o que che amosamos. A pesar de estar pensado para os armarios, tamén funciona ben noutras zonas e pode ser a solución perfecta para pendurar os produtos de limpeza na cociña.
Cando os necesites, só terás que tirar del para telo todo á túa disposición e, no momento que remates, podes gardalo todo e non haberá nada á vista. Práctico, accesible e moi discreto!
3. Un carriño auxiliar
Tes algún espazo libre entre os mobles da cociña? Cando instalamos electrodomésticos modernos nunha cociña antiga, é normal que se creen algúns ocos pouco útiles. Un xeito práctico de sacarlles partido é colocar un carriño auxiliar no que almacenar todo o que precises: tarros de conserva, botellas, o saleiro, utensilios de cociña...
Como é móbil, podes sacalo e gardalo comodamente sempre que o necesites e non terás que facer malabares para gardar as cousas. Ademais, se non queres ter o carriño á vista, podes utilizar unha cortina para agochalo. Neste caso utilizamos un carriño de 45 cm de anchura, pero en IKEA temos diferentes medidas, así que só tes que atopar o que mellor se adapte ao espazo libre que tes na cociña.
4. Estantes para cadros
Si, como o les: un estante para cadros (mesmo se é como o da imaxe, tan só de 12 cm de anchura) pode ser moi útil para aproveitar o espazo da cociña. De que maneira? Se dispós dun oco estreito e alto detrás dun moble, podes colocalos e utilizalos como soportes para gardar cadeiras pregables. Trátase dunha solución intelixente para gardar as cadeiras que non utilices e ter a cociña despexada. Iso si, isto é só unha idea, pois podes usalos para encastelar bandexas, táboas de cortar ou calquera elemento da cociña que caiba nun espazo como este.
Parecéronche útiles estes trucos? Agardamos que si e que che permitan gañar uns centímetros adicionais na túa cociña.
Por se precisas máis ideas, velaquí deixamos un vídeo do noso programa especial de Pregúntalle a Allen , no que che ensinamos algúns mobles para decorar unha cociña pequena e ter máis espazo.
E iso non é todo! Ao final, atoparás unha selección especial con varios artigos que che poden axudar a organizar e aproveitar moito máis esta estancia da casa.

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, cómpre lembrar que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.