Cociña con IKEA: albóndegas de proteína vexetal con salsa de iogur e remolacha
As albóndegas son un clásico que nunca falla en calquera comida. E poden ser moi sas, se elixes as adecuadas. Demostrámoscho con esta receita saudable, orixinal e apta para vexetarianos. O ingrediente principal é HUVUDROLL, as nosas novas albóndegas de proteína vexetal. É a nosa alternativa máis sostible! Anota todos os pasos e goza de todo o sabor dunhas deliciosas albóndegas na casa da man dun dos nosos chefs expertos na materia.
Hoxe para comer en #CocinaConIKEA... albóndegas de proteína vexetal con salsa de iogur, remolacha e tomates cereixa asados.
Bo proveito!

Coñece ao noso chef
Presentámosche Andrea Toneatto, o noso chef encargado de elaborar esta deliciosa receita de albóndegas de proteína vexetal.
Andrea é un gran apaixonado da cociña e o bo comer (que é a mellor das combinacións, obviamente). De feito, a súa paixón é tal que obtivo o título de cociñeiro na escola de hostalaría de Milán. Mamma mia! É por iso polo que Andrea decidiu sorprendernos con esta receita pouco convencional, para reconverter un prato tradicional de albóndegas en toda unha experiencia gastronómica e, o mellor de todo, moi sa. Apetéceche?
Queres probar as HUVUDROLL? Achégate ao noso restaurante e degústaas alí mesmo. Se che gustan e queres preparalas na casa, lembra que poderás atopalas na nosa tenda sueca xunto a unha gran variedade de produtos.
Consegue este prato de profesionais sen apenas esforzo. Sorprenderache o seu incrible sabor. Ñam, ñam!
Dificultade: moi fácil
Tempo de elaboración: 30 min.
Tempo de espera: 120 min.
Ingredientes para 4 comensais
- 1 bolsa de albóndegas de proteína vexetal HUVUDROLL
- 30 ml de aceite de oliva virxe
- Sal fino
- Para a salsa:
- 4 cogombros
- 500 g de salsa de iogur
- 1 presa de cecimbre
- 1 g de pementa negra
- 2 limas
- 1 dente de allo
- Para a gornición:
- 1 presa de alfábega fresca
- 4 remolachas
- 32 tomates cereixa
- 5 g de sal de escamas
Preparación
Primeiro, traballaremos co forno para a gornición. Podes aproveitar o tempo de enfornado para ir preparando o resto da receita.
Segue estes pasos:
- Prequentamos o forno a 200 °C.
- Unha vez alcanzada a temperatura desexada, colocamos os tomates cereixa nunha bandexa, deixamos que se asen uns 15 minutos e reservámolos.
- Agora é a quenda da remolacha. Colle cada unha individualmente e envólveas en papel de aluminio.
Consello de chef: lembra que para que o resultado sexa perfecto, a parte brillante é a que debe quedar boca abaixo, e cara arriba a cara mate.
- Coloca as 4 remolachas envoltas e deixa que se asen durante unha hora aproximadamente á mesma temperatura de antes (200 °C). Cando estean listas, resérvaas.
Para elaborar a salsa:
Para a salsa das nosas albóndegas, Andrea proponnos apostar pola de iogur. Anota como a fai:
- Pela todos os cogombros e rélaos. Agora, bótaos nun coadoiro e sálgaos.
- Déixaos escorrer uns 30 minutos e, pasado ese tempo, sécaos ben coa axuda dun pano de cociña.
- Rela o dente de allo.
- Nun cunco, mestura todos os ingredientes da salsa: o cogombro escorrido, o iogur grego, o allo relado, as 2 limas espremidas, o cecimbre e a pementa. Déixao repousar.
Para elaborar o aceite da gornición:
- Para facer o aceite de alfábega: verte no bote do batedor o aceite e a presa de alfábega e tritúrao todo ben ata que non queden tropezóns das folliñas. Déixao repousar.
- Consello de chef: reserva un pouco de alfábega fresca para a decoración final.
Para potenciar o sabor dos ingredientes, recoméndoche deixar preparada a salsa de iogur, a remolacha e os tomates cereixa con bastante tempo de antelación. Se o fas o día anterior, mellor que mellor!”
Andrea Toneatto
Empratado
Chegou o momento de cociñar as albóndegas de proteína vexetal e servilas!
- Cociña as albóndegas no forno entre 10 e 12 minutos a 200 °C.
- Corta as remolachas asadas en dúas metades.
- Adereza o prato co aceite que preparamos antes, unhas escamas de sal e un pouquiño de pementa negra (a cantidade ao gusto, claro).
- Lémbraste da alfábega que apartaches antes? É o momento de utilizala para acabar de servir estas deliciosas albóndegas. Colócaa polo prato e listo!
- Se queres outra alternativa a este empratado: podes facer espetadas coas albóndegas e poñerlles a salsa directamente por riba. Quedará xenial!
As nosas alternativas para esta receita
Non che gusta algún dos ingredientes ou queres cambiar algo? Andrea dános algunhas alternativas para gozar deste prato cunha gornición diferente:
- Substituír a remolacha e os tomates cereixa por unha saborosa cabaza asada.
- Saltear as mesmas follas da remolacha con allo e pasas.
- Poñer como gornición cenorias baby asadas que, ao ser unhas verduras doces, quedan xenial coas especias das albóndegas.
Queres facer esta receita apta para veganos? Cambia o iogur grego por un de orixe vexetal para converter este prato vexetariano nunha opción 100 % vegana.
Como servir as albóndegas con estilo
Se queres un resultado coma o dun restaurante profesional, o empratado é fundamental para lograr ese toque maxistral. Así que che imos dar algúns matices de decoración gastronómica para as túas albóndegas (ou calquera outro prato que queiras presentar de forma especial).
Como este prato está cheo de cores, polo morado da remolacha, o vermello intenso do tomate ou o verde das follas, recomendámosche que xogues con pratos e fontes de cores neutras, como, por exemplo, o branco ou o gris, aínda que tamén lle quedará ben unha cor intensa coma un azul escuro.
A decoración do resto da mesa non é menos importante para o resultado final. Nós recomendámosche que apostes por un aspecto natural, que transmita limpeza e esa sensación de que estamos a comer algo 100 % caseiro. Iso sempre triunfa! Para iso, nada mellor que o enxoval de cristal (para a xerra da auga, os vasos, algunha fonte...) e téxtiles en tons crús (para os panos de mesa de tela). Ah! E se tes que colocar algunha táboa ou outro complemento, inclínate pola madeira, iralle de perlas.
Combina todo o sabor das túas deliciosas albóndegas cunha mesa ben bonita. Potenciarás a experiencia de todos os comensais.
Por que son tan especiais estas albóndegas?
A nosa nova gama de albóndegas de proteína vexetal HUVUDROLL son o prato perfecto tanto para os amantes da carne como para os que optan por unha dieta baseada en verdura e froita. E é que están feitas unicamente con ingredientes vexetais (proteína de chícharo, avea, cebola, mazá e pataca) pero teñen unha textura e un sabor que nada lle teñen que envexar ás albóndegas de carne de toda a vida.
E xa está? Non! Non só estamos a falar dun trampantollo perfecto, senón que detrás destas albóndegas hai moito máis. Queres coñecer o seu principal segredo?
Seguindo o noso propósito de chegar a ter un efecto positivo no clima para 2030, decidimos dar un pasiño máis e reducir a nosa pegada de carbono en alimentación. E é que case o 15 % das emisións globais que provocan o efecto invernadoiro proveñen da produción gandeira, sabíalo? Ademais, cada un de nós poderiamos reducir ata nun 73 % a nosa pegada de carbono se reducísemos a carne e os lácteos na nosa dieta. Isto dá que pensar, va que si?
Coas albóndegas HUVUDROLL conseguimos ser máis respectuosos co medio ambiente (soamente teñen un 4 % de pegada climática) e comer de forma sostible sen renunciar a eses sabores que tanto nos gustan. E a un prezo xusto! Queremos que a sostibilidade non sexa un luxo que se poidan permitir poucas persoas, senón que o noso obxectivo é que sexa unha opción viable para todo o mundo.
"En IKEA, vendemos 1000 millóns de albóndegas de carne ao ano (...). Se conseguísemos converter case o 20 % de esas vendas en vendas de albóndegas de proteína vexetal, isto implicaría unha redución de case un 8 % da nosa pegada climática no que respecta ao negocio alimentario de IKEA", afirma Sharla Halvorson, directora de Saúde e Sostibilidade de Alimentación de IKEA a nivel global.
Así que, xa sabes, pásate pola nosa tenda sueca ou o noso restaurante e proba as nosas albóndegas HUVUDROLL.
Queres máis ideas? Engade estas ao teu receitario:
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.