Saltar

5 ideas para personalizar os mobles

En IKEA cremos firmemente que os nosos mobles poden vivir varias vidas. Cremos que "salvar os nosos mobles" ten un impacto directo no aforro e a sostibilidade e que, ademais, nos axuda a vivir nunha constante mellora e evolución do noso fogar. Por iso, queremos inspirarte con estas 5 ideas para personalizar os mobles de forma sinxela, pero conseguindo resultados espectaculares. Así, os teus mobles serán completamente distintos e volverán a comezar de cero ao teu carón. 
Non necesitas ser ningún "milmañas"… só botarlle ganas! 

1. Como personalizar unha mesa de centro

A mesa de centro é un dos mobles que máis utilizamos a diario. Por iso, tamén é un dos que máis nos apetece personalizar.

Queremos propoñerte renovar a mesa, neste caso unha de vidro, dunha forma sinxela pero moi vistosa e orixinal. Coma se dun cadro de Pollock se tratase! 

Imos paso a paso:

  1. Antes de nada, busca un espazo o suficientemente amplo e despexado para poñerte ao choio.
  2. Tapa e protexe o espazo no que vas pintar: evita todo o posible manchar o chan ou os mobles que tes ao redor.  
  3. Cando o teñas todo listo, retira o vidro da mesa.
  4. Utiliza o reverso do vidro como se fose un lenzo; salpícao e esborránchao con pintura das cores que máis che gusten (ou que teñas por casa).
  5. Deixa que a pintura seque.  
  6. Dálle unha man de pintura negra e volve deixar que a pintura seque. Tanto no paso anterior coma neste, se empregaches pintura acrílica, chegará con 5 horas. Con todo, se empregaches esmalte, deixa secar polo menos 24 horas entre capa e capa.
  7. Volve poñer o vidro. E xa está!

Pensa que neste lenzo de creatividade non existen os fallos, así que seguro que che queda unha mesa preciosa. 

2. Tapiza a cabeceira da cama con veludo

Se quixeres que o teu dormitorio pareza unha luxosa suite de hotel ou, simplemente, darlle un aire máis sofisticado e cálido, renova con veludo a cabeceira da cama. Esta sinxela idea consiste en poñer rectángulos de escuma na cabeceira, a xeito de paneis, e cubrilos cunha cortina.  

É máis doado do que parece, pero queremos explicarche o mellor posible o paso a paso, no que verás con detalle como tes que medir, cortar, coser, pegar e grampar para saber como tapizar a cabeceira da cama. 

3. De lámpada clásica a lámpada orixinal  

A nosa lámpada de pé HOLMÖ de papel é unha das máis vendidas e recoñecidas. Seguro que che soa! Pois ben, se queres darlle unha nova vida ou, simplemente, conseguir un modelo completamente distinto para darlle un lavado de cara ao teu salón, non perdas como personalizar esta lámpada paso a paso. 
É moi doado!  

  1. Retira as pantallas.
  2. Une os extremos para que teñan forma de rosca.
  3. Pégaos con fita adhesiva ou tiras de papel.
  4. Despois ponlle unha bombilla LED e un cable (ten que ser LED para que non se quente).
  5. Ponas no chan e verás como cegan! 

4. Personaliza a alfombra con diferentes tecidos

Darlle un novo look á alfombra é tan doado como quixeres. Por que? Porque se trata de engadir ou coser diferentes patróns ou detalles en función do que máis che guste.

Coserlles febras de fío ou de la, atarlles retallos de roupa vella ou outros tecidos, coser pequenos pompóns dunha ou varias cores... Utiliza calquera cousa que teñas por casa e que creas que pode quedar chula na túa alfombra.  

E se despois de personalizar a alfombra paréceche tan bonita que non queres pisala, pendúraa como se fose unha obra de arte! 

5. Como converter un tallo nun moble auxiliar

Outro dos mobles "top" de IKEA é o tallo FROSTA. Pois ben, non só é a mar de útil (como calquera tallo que se prece) á hora de quitarnos dun apuro, encastelarse, moverse, etc., senón que tamén é marabilloso como moble ao que darlle unha segunda vida.

Imos ver como podemos transformalo nunha mesiña auxiliar para colocar na entrada, como mesiña de noite, no salón á beira do sofá… As posibilidades son moitísimas! Ademais, coas patas que sobran podes facer varios colgadoiros. Imos ao choio!

  1. Comeza por desmontalo.  
  2. Continúa pintando todas as pezas da cor que máis che guste (ou que mellor se axuste ao resto da decoración).
  3. Aparafusa unha das patas á parte inferior do asento e terás unha mesiña auxiliar de parede.
  4. Utiliza as outras patas como colgadoiros de parede.
  5. Nesas patas, podes engadir pomos nos buratos que xa teñen para que sexan aínda máis útiles á hora de suxeitar as cousas.

E fíxate que chulo queda! 

Antes de marchar, non perdas:

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.