Saltar

5 formas económicas de decorar con plantas e floreiros

Por fin é primavera! E non hai nada como decorar a casa con plantas e floreiros para darlle ese toque colorido e alegre que tanto nos gusta nesta época. Queres inspirarte cunhas ideas para decorar persoalmente algún recunchiño do teu fogar? Non perdas estes prácticos consellos para facelo con gran estilo e, sobre todo, por moi pouco diñeiro

Decorar con flores e plantas é unha afección realmente enriquecedora, xa que non só deixa preciosa a casa, senón que ademais serve como actividade de relaxación e para purificar o aire. O poder das plantas é asombroso. Por iso, coa chegada do bo tempo, queremos que poidas levar un pouquiño da natureza ao teu fogar, cuns pequenos toques. Non te preocupes por nada, as ideas que che imos amosar son asaz sinxelas, perfectas para que, ademais de económica, esta actividade sexa fácil e moi divertida. 

Comezamos!

1. Dálles vida ás fiestras

Unha das propostas máis fáciles, pero non por iso menos favorecedoras, é decorar as fiestras con plantas. 

Para iso, crea unha combinación rechamante de plantas enredadeiras e flores de tempada, as que máis che gusten. Se queres crear un efecto realmente orixinal, aproveita toda a altura da fiestra para facer un marco de plantas e flores. Ademais, podes aproveitar o peitoril para poñer outros elementos de acompañamento, como unhas plantiñas adicionais ou uns floreiros de cristal. 

Se o peitoril non é moi grande e non se pode aproveitar, sempre podes poñer unha mesiña xusto diante da fiestra e decorala unicamente con diferentes floreiros. Neste caso, nós puxemos unha variedade de floreiros de vidro de cores que brillan ao pasar a luz a través deles. 

Coidado! Se a fiestra recibe a luz directa do sol, asegúrate de usar plantas resistentes para evitar que se queimen por unha sobreexposición. 

2. Enmarca as flores

Se non tes unha fiestra moi grande, pode que che interese máis decorar coas flores as paredes da casa. É unha opción moi sinxela que creará no cuarto un ambiente natural e primaveral. 

Inmortaliza a beleza das flores e follas que máis che gusten en marcos de fotos. Como? É moi sinxelo: prensa pétalos ou flores naturais entre dous arcos de vidro creando a composición que queiras. Asegúrate de que non leven bechiños nin restos de terra. Elixe o marco máis axeitado para a composición e goza dun recordo duradeiro e bonito.

Se buscas unha decoración colorida e natural, coloca nunha minivitrina abrochos de flores frescas. Verás como cambian de cor ao ir secando.

3. Crea unha lámpada vintage

Esta idea pode ser perfecta para darlle un toque de estilo a unha mesa primaveral. Se tes unha lámpada de teito antiga, aproveita a oportunidade de renovala decorándoa con plantas. 

A nosa proposta é que lle quites a pantalla e lle poñas arredor as túas plantas e flores preferidas. Iso si, ten coidado de non sobrecargala e asegúrate de que as plantas non se queimen cando a lámpada estea acesa.

4. Decora con diferentes floreiros e testos

 

Como xa che avanzamos na primeira idea, a decoración con plantas en floreiros ou testos é unha verdadeira arte. Porque cun simple toque a estética cambia por completo. 

Neste caso, apostamos por unha composición moi variada de testos. Para facela, aproveitamos todo o espazo dispoñible na parte superior do moble e creamos un lugar especial no que exhibir o noso recunchiño de natureza. Que che parece a combinación do branco, o metal e os materiais naturais?

Atrévete a dar ás túas plantas o protagonismo que merecen! Recompila varios testos diferentes e crea un arranxo dinámico. É realmente económico e o resultado é espectacular! Consello: elixe plantas de cores similares para que os protagonistas sexan os testos.

5. Aposta pola sinxeleza.

En moitas ocasións, a aposta máis sutil pode ser abondo para decorar ese espazo que queremos revivir. Coas plantas tamén pasa isto. Nesta última idea, deixámosche uns exemplos de todo o potencial que ten un floreiro cunha simple ramiña. 

Na primeira imaxe, combinamos un par de floreiros cunha flor acabada de coller en cada un. Ao poñelos sobre unha mesa ou aparador, convértense nos elementos decorativos perfectos. 

Esta técnica pódese aplicar de diferentes maneiras, tanto con varios floreiros como cun só, como che amosamos nesta última foto. 

Que che pareceu? Anímate con algunha destas ideas tan económicas e decora con plantas e floreiros para darlle a benvida á primavera como merece. Se che gustou, seguro que esta selección tamén che resultará interesante. Non a perdas!

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.