4 receitas fáciles para facer con nenos na casa
Os días de corentena na casa poden ser unha boa ocasión para que tanto peques como maiores saquedes os chefs que levades dentro. Cociñar é unha tarefa entretida coa que se aprende á vez que se goza, sobre todo cando chega o momento de probar os pratos. Propoñémosche 4 receitas fáciles e deliciosas para facer con nenos que vos encantarán.
Os peques están cheos de enerxía e pasar tanto tempo na casa pode resultarlles aburrido. Por iso, durante estas semanas é importante ter en mente diferentes actividades que lles permitan gozar e distraerse na casa.
Experimentar na cociña coas texturas e os sabores seguro que lles encanta. Ademais, podes aproveitar este momento para facer fincapé no importante que é lavar as mans e manter a hixiene en xeral, especialmente cando se realizan tarefas nas que se manipulan alimentos. O mellor é que, mentres pasades tempo en familia aprendendo cousas novas, tamén adiantaredes o traballo de preparar a comida. 2x1!
Nesta ocasión propoñémosche dúas receitas salgadas e dúas doces, todas elas moi sinxelas. As primeiras son ideais para o xantar ou a cea e as segundas para o almorzo ou a merenda. Aínda que che suxerimos algúns ingredientes, o certo é que moitos deles pódense substituír polo que teñas na casa. Comezamos?
1. Quiche de verduras
Ingredientes (para 4 persoas):
- 1 masa quebrada
- 2 ovos
- 150 g de champiñóns
- 1 cebola
- 2 porros
- 1 cabaciña pequena
- 1 cenoria
- 200 ml de nata líquida para cociñar
- 100 g de queixo relado
- Aceite de oliva virxe extra
- Pementa
- Ourego
- Sal
Preparación:
-
Prequentade o forno a 180º.
-
Buscade un molde redondo e engraxádeo cun pouco de manteiga. Aos peques encantaralles este paso!
-
Cubride o molde coa masa quebrada, axustando ben os bordos.
-
Cocede a masa no forno durante 15 minutos a 180º e, unha vez lista, reservádea.
Chega o momento de preparar o recheo! Para facelo, o primeiro paso será lavar, pelar e cortar en dados todas as verduras, excepto a cebola, que se cortará á xuliana, e os porros, en toros pequenos. - Lavade tamén os champiñóns e laminádeos. Por suposto, se os nenos cortan os ingredientes, débeos supervisar un adulto. Recomendámosche o coitelo e o pelador SMÅBIT, especialmente deseñados para nenos a partir de 8 anos.
- Despois, poñede no lume, a temperatura media, unha tixola cun chorriño de aceite de oliva virxe extra e cociñade as verduras durante 15 minutos. Podes deixar que os peques movan a verdura, con moito coidado. Non esquezades condimentar a verdura con sal e pementa.
- Agora toca bater os ovos nun cunco, mesturalos coa nata e engadir ourego ao gusto, outro paso que seguro que lles encanta aos nenos.
- Unha vez feito isto, envorcade as verduras sobre a mestura do cunco e removede.
- Botade todo sobre a masa e engadide o queixo relado por enriba.
- Cocede a quiche no forno durante uns 25 ou 30 minutos a 180º ata que estea dourada.
- Por último, deixádea repousar durante uns 15 minutos e a gozar!
2. Patacas normais ou doces recheas
Ingredientes:
- 1 pataca normal ou doce grande por persoa
- 1 ovo por persoa
- Xamón de iorque en tiras (tamén se pode utilizar touciño, peituga de pavo, peituga de polo...)
- Queixo relado
- Aceite de oliva virxe extra
- Ourego
- Pementa
- Sal
Preparación:
- Prequentade o forno a 180º.
- Lavade e secade as patacas cos peques.
- Cocédeas no forno durante uns 40 minutos e logo deixade que arrefríen.
- Cando estean frías, cortádelles a parte superior e quitádelles case toda a carne, ata que quede unha capa fina de pataca coa pel. O que sobre podedes utilizalo para facer puré de pataca.
- Botade un pouco de aceite de oliva virxe extra, sal e pementa sobre as patacas.
- Enchédeas con queixo relado, xamón en tiras e un ovo roto.
- Por enriba botádelles ourego e outro pouco de queixo, e metédeas no forno durante uns 20 minutos, ata que o ovo estea feito.
- A chupar os dedos!
3. Tortiñas de avea
Ingredientes (para 4 persoas):
- 75 g de fariña de avea integral (pódese substituír por fariña de trigo)
- 2 ovos
- 1 plátano grande maduro
- Canela (ao gusto)
- Froita para decorar
- Chocolate negro para fundir
Preparación:
- Deixa que os peques da casa chafen o plátano cun garfo.
- Batede os ovos nun cunco.
- Engadide a fariña, o plátano e a canela.
- Mesturade ben e, se for necesario, pasade o batedor para que a masa non teña grumos.
- Poñede unha tixola antiadherente a lume medio. Podedes engraxala cunha gotiña de aceite de oliva virxe extra ou con manteiga, aínda que, se é axeitada, a masa non ten por que pegarse.
- Cando estea quente, verdete unha pequena cantidade de masa e esperade a que saian pequenas burbullas para darlle a volta (este momento é clave!).
- Deixade que a tortiña se faga polo outro lado e repetide a operación co resto da masa.
- Fundide o chocolate ao baño maría e servide as tortiñas con el e con froita ao gusto (amorodos, mazá, plátano, arandos...). Os nenos poden pelar e cortar a froita cun coitelo ou pelador axeitados para eles. Tan só queda saborealas!
Biscoito de laranxa
Ingredientes:
- 2 ovos
- 1 laranxa (a casca relada e o zume)
- 110 g de fariña
- 80 g de manteiga en pomada (a temperatura ambiente)
- 100 g de azucre
- 1 culleradiña de fermento
Preparación:
- Prequentade o forno a 180º.
- Rela a casca da laranxa e deixa que os peques a espreman.
- Nun cunco mesturade o azucre coa casca relada, o zume e a manteiga.
- Incorporade os ovos e seguide mesturando.
- Despois engadide a fariña e o fermento.
- Engraxade un molde para biscoitos cun pouquiño de aceite de oliva virxe extra ou manteiga.
- Vertede a masa nel e cocédea no forno durante uns 35 ou 40 minutos. Podedes comprobar se o biscoito está feito picándoo cun utensilio fino e verificando que este saia limpo.
- A gozar dunha deliciosa merenda!
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.