Saltar

4 complementos para darlle á túa casa un toque estival

A decoración estival caracterízase por transmitir esa sensación de frescura, relax e boas vibracións. Gustaríache facelo no teu propio fogar? Faino dun xeito sinxelo e moi económico con esta lista de complementos.

Decora a casa cun toque máis estival, practicamente sen esforzo, con estes básicos da tempada 2021!  

1. Cores estivais para a túa decoración

Independentemente da época que sexa, o mellor é utilizar complementos pequenos para facer cambios na decoración do noso fogar. Deste xeito, será moito máis sinxelo redecorar a casa entre estacións e, por suposto, máis económico, algo que nunca vén mal.

Para os complementos ou accesorios de verán, o mellor son as cores claras e luminosas. Polo tanto, este será o noso punto de partida á hora de escoller a decoración estival para a nosa casa. Podes mesturar brancos, tons crus e area (para ese toque natural) ou cores pasteis (para non perder a chispa de cor).  

Neste caso, a este recanto da sala de estar démoslle unhas pinceladas de azul, unha cor que evoca esa beleza do mar que tanto nos gusta, e branco. Como resultado temos un espazo tranquilo e luminoso.

2. Figuras e accesorios para o verán

Como xa temos comentado, non fai falta facer grandes modificacións para cambiar a percepción do espazo. Podes utilizar calquera detalle, non importa o pequeno que sexa. Inspírate con complementos de decoración, como floreiros e centros de mesa, para adornar a sala de estar.

As figuras decorativas achegan un toque adicional de personalidade ao fogar e, ademais, é comodísimo colocalas e quitalas. Para esta sala de estar, decantámonos por uns cactos de cerámica, unha planta característica desta estación e das altas temperaturas. Ademais, como toque distintivo e cheo de cor, elixímolos en tons rosados. Gústanche? Ao estar rodeados doutros obxectos brancos, destacan máis, así que resulta imposible non fixarse neles. Como podes observar de novo, co xogo de tons claros conseguimos unha decoración estival do máis fresca e relaxante. 

3. Téxtiles frescos e alegres para decorar o dormitorio

Cambiamos de estancia: ímonos directos ao dormitorio. Non hai mellor xeito de decorar este cuarto que con téxtiles. É o modo máis rápido, sinxelo e accesible de conseguir un cambio de aspecto.

Se queres trasladar esa decoración de verán ao dormitorio, aposta por roupa de cama fabricada con materiais máis lixeiros e transpirables. Podes decantarte por deseños lisos ou escollela con algún debuxo que achegue máis variedade cromática e un toque divertido.

Se non queres saír dese ambiente de tranquilidade e desexas que o teu dormitorio sexa un oasis do relax, recomendámosche que utilices as cores que xa mencionamos (lembra: branco, e tons claros e suaves).   

Queres outra idea? Engade puntos de luz adicionais en amarelo. É a cor elixida por Pantone para o ano 2021, sabíalo? Ademais, é excelente para achegarlle ao dormitorio a dose xusta de vitalidade e ledicia.

Sabías que o algodón que utilizamos para os nosos téxtiles e 100 % sostible? En 2015 comprometémonos a que todo o algodón dos nosos produtos sexa reciclado ou estea cultivado con menos auga e pesticidas. Deste xeito, coidamos o medioambiente e contribuímos a mellorar as marxes de beneficio dos agricultores. 

4. Elementos naturais

Como poderás observar neste artigo, a natureza está moi presente na decoración estival. Ademais de ser tendencia este 2021, as plantas son unhas compañeiras excelentes para o verán porque, como liberan osíxeno e humidade, axudan a que o ambiente sexa moito máis fresco, e estea máis limpo e libre de toxinas. Son purificadores naturais!

Ademais, se combinas as plantas con outros complementos feitos con materiais como o ratán, o bambú ou a terracota, conseguirás potenciar aínda máis esa sensación de estar nun espazo máis natural e sostible. O testo que ves na parte dereita da imaxe, por exemplo, está tecido á man (o que o converte nunha peza única) con ratán, un dos materiais renovables e preciosos dos que falamos. 

Estás preparado para decorar a túa casa cun estilo moito máis estival? Introduce algún destes complementos e descubre como, con moi pouco, cambias completamente o espazo. Se quedaches con ganas de máis inspiración, non perdas esta selección de ideas que preparamos para axudarte.

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.