3 ideas de decoración de mesas en branco
Tes unha celebración á vista e non sabes como decorar a mesa? Propoñémosche varias ideas de decoración inspiradas no fenómeno "dîner en blanc" ou cear de branco. Este concepto xurdiu en París nos anos 80 e consiste en que todos os convidados acoden vestidos de branco. Celébrase ao aire libre e outra das súas peculiaridades é que todos os asistentes levan as súas cousas.
Como comentabamos antes, na festa "dîner en blanc" todo é branco e os convidados levan as súas cousas. Ademais, non nos referimos só a comida, senón tamén á mesa, aos asentos e aos cubertos. Isto faise así porque a cea se organiza ao aire libre, nun espazo público no que estea permitido facer pícnics; ademais, como cadaquén leva as súas cousas, é máis sinxelo que asistan máis persoas.
Para esta ocasión, propoñemos adaptar o concepto para celebrar unha cea de branco ao aire libre con decoración e vestimenta desta cor onde ti queiras. Non tes que facela necesariamente nun espazo público habilitado; podes celebrala na casa, é dicir, na terraza ou no xardín. Independentemente de se organizas ti todo, ao seguir a liña de que cadaquén leve as súas cousas, imos recomendarche mobles moito máis desenfadados e prácticos.
Escolle o teu look en branco para esta ocasión tan especial, e empecemos coa decoración!
1. Mesa romántica en branco para dous
Se tes na mente unha cea romántica para dous, esta decoración en branco é perfecta para a ocasión. Como a mesa e as cadeiras son lixeiras e pregables, podes montar a cea no espazo que mellor che conveña: no balcón, no soportal, no xardín ou nunha zona de pícnic pública... Ti elixes!
Unha vez escollas o lugar no que vas cear con esa persoa especial, terás que preparalo todo. Neste caso, eliximos unha mesa de madeira para dous e un par de cadeiras en branco. Malia que predominará o branco, a madeira achegará un aire rústico moi axeitado para o estilo romántico que andamos a buscar.
Un dos obxectivos dunha cita íntima é gozar da compañía o máximo posible, así que a mesa non ten que ser moi grande. Non te preocupes polo espazo.
Unha vez teñas a mesa e as cadeiras, é momento de escoller a vaixela. Aínda que sexa ao aire libre, recomendámosche que a escollas con detalle e non optes por opcións desbotables, pois, ademais de ser menos elegantes, non son nada sostibles para o medioambiente.
Sen dúbida, a cor protagonista dos pratos e os manteis será o branco, e combinarán á perfección coa neutralidade das copas de vidro e os cubertos de prata.
Non esquezas os detalles decorativos! Como se trata dunha cea romántica, unhas flores quedarán moi ben. Podes colocar unhas cantas frescas ou artificiais nun floreiro no medio da mesa. Tamén podes acender unha candea para darlle un toque moi especial ao solpor. Iso si: por seguridade, recomendámosche colocala nun farol.
2. Mesa familiar en branco
Trátase dunha cea en familia? Nese caso, esta é a proposta máis axeitada. Ao igual que no caso anterior, escollemos unha mesa e unhas cadeiras prácticas para que poidas transportalas dun lado ao outro sen problemas. Porén, a mesa é máis espazosa para que caibades todos ben. Ademais, se precisas máis espazo, é tan sinxelo como unir dúas mesas deste tipo.
Esta vez, as cadeiras non son pregables, pero si encastelables, así que poderás gardalas sen problemas cando non as esteas a usar. Por outro lado, serán moito máis seguras e cómodas para os pequerrechos da casa no caso de que participen na celebración.
Tamén podes colocar coxíns ou respaldos de exterior para estar moito máis a gusto durante a cea. Aposta polo branco ou branco roto e non te preocupes polas manchas porque as fundas son extraíbles e lavables para que poidas telos sempre impecables.
No que respecta á vaixela, escolle pratos en cor branca e en función da comida que vaiades degustar. Se se trata dunha cea de picoteo na que gozaredes e compartiredes comida, será suficiente cun prato individual para que cada un se sirva o que queira e, ademais, aforrar espazo. En cambio, se ides gozar dun primeiro, un segundo e unha sobremesa, precisarás o conxunto de pratos completo.
Para a decoración, unha idea moi sinxela e vistosa é enrolar os panos de mesa (brancos, por suposto) cun cordel e unhas flores. Tamén podes incluír unhas tarxetas co nome de cada membro da familia. Deste xeito, cada un terá o seu lugar asignado dende o principio.
3. Mesa festiva en branco
Por último, se a cea é con amigos e ten un carácter máis festivo que nos casos anteriores, propoñémosche unha decoración pensada para esta ocasión. A combinación de materiais selectos e liñas sinxelas que ves na foto é ideal para unha cea desenfadada na que a diversión será a gran protagonista.
As cadeiras e a mesa son pregables, así que poderás colocalas sen problemas no lugar que queiras e engadir as que sexan necesarias segundo o número de convidados. En canto teñas todo isto solucionado, será momento de personalizar a mesa con elementos festivos para conseguir un efecto que sorprenda a todos os convidados.
Respecto aos detalles da mesa, aínda que neste caso queiras un resultado elegante, debes dar prioridade a que sexa alegre. Por iso, recomendámosche que elixas manteis sinxelos en branco, sen bordados sofisticados que carguen de máis o lugar. Ademais, escolle unha vaixela sinxela e, como punto destacado, coloca algunhas flores de xeito desenfadado na mesa. Mesmo podes darlle un toque luminoso con grilandas de luces decorativas sobre o mantel ou nun floreiro de vidro.
Por último, debes saber que unha "dîner en blanc" tradicional adoita rematar con fogos de artificio. Marcan o final da cea, e o momento de recoller as cadeiras e volver a casa. Para recrear este momento a pequena escala, podes utilizar foguetes pequenos. Iso si: se non queres ceñirte ao 100 % a este costume, en vez de significar que remata o encontro, pode indicar o final da cea e o comezo de tomar unhas copas dun xeito máis distendido.
Necesitas máis ideas para outras ocasións? Deixámosche aquí uns artigos sobre decoración de mesas que poden ser do teu interese.
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.