3 ideas de decoración con flores secas para este outono
Apetéceche dar ao teu fogar un toque outonal? Anota estas 3 sinxelas propostas para decorar con flores secas.
Co cambio de estación, a natureza muda a súa paleta de tons verdes e cores vivas polos laranxas, avermellados e marróns, dando así a benvida ao outono. Na casa, tamén podemos acompañar esta transición estacional a través da decoración con materiais naturais e dun xeito moi económico. Queres ver como? Preparamos 3 ideas para que poidas decorar de forma práctica e bonita con plantas e flores secas. O mellor é que, ademais de crear un ambiente moi acolledor e agradable, non terás que preocuparte por regar! Toma nota destes pasos.
1. Floreiros, a opción máis rápida e sinxela
Elixas a opción que elixires, o primeiro que debes facer é recoller aquelas plantas que che gusten e inspiren para crear a túa composición. Así que, aproveita para dar un paseo reconfortante polo campo.
Non teñas medo a combinar! Nós fixemos unha mestura de podallas frescas, pólas secas e talos longos con flores de cor intensa.
Para esta primeira idea, imos utilizar floreiros como base para colocar as plantas. Son os aliados perfectos se queremos crear en pouco tempo unha decoración con estilo que nos permita cambiala cada vez que nos apeteza darlle un aire novo. Ademais, hai tantos estilos e tipos de floreiros que cada un dará un toque especial e único ao cuarto.
Podes conformarte cun único recipiente, pero recomendamos que xogues e vaias un paso máis alá. Agrupa unha selección de flores en floreiros de diferentes alturas e formas, para facer un bodegón rechamante a nivel visual, como o que che presentamos na fotografía do inicio. Semitransparentes, mates, metálicos... Todos poden entrelazarse para un efecto de escándalo! Só é cuestión de probar.
Se non che convence a altura que elixiches, corta os talos para ir regulando a colocación. Non esquezas poñer un pouco de terra ou unha esponxa para flores naqueles floreiros máis anchos e que non son transparentes, para que todo se suxeite ben e non se mova.
Non che apetecen floreiros? Dá unha segunda vida ás botellas de vidro que teñas na casa e vísteas con estas flores. Sinxelo, práctico e económico.
2. A túa propia coroa de piñeiro
Outra das ideas que temos preparadas é a creación dunha coroa. Que che parece? Dependendo de como a decoremos, podemos utilizala tanto para a decoración diaria da estancia, coma para un evento especial e festivo, como o Nadal.
Todo o que necesitas para facer esta coroa de inverno é comezar cun aro artesanal e algúns esgallos ou talos de tempada, como podallas de piñeiro e outras árbores de bosque.
Enlaza os recortes con fío de coser e enrólao arredor do aro para aseguralos e que queden ben suxeitos. Deixa que os anacos sobresaian de forma natural para unha aparencia salvaxe e imperfecta. E xa está!
Se queres darlle un toque moi orixinal e festivo, aconsellámosche pintar algunhas das follas ou póla con spray de cor dourado ou prateado e mesmo pulverizar algunhas con escuma branca para darlle un efecto de neve.
Sabemos que esta idea pode ser un pouco máis complicada. Así que se non acaba de convencerche o resultado, non te preocupes, podes conseguir unha das nosas coroas na sección de plantas, xardinería e horta. Son moi asumibles e o resultado non te decepcionará.
3. Unha grilanda de folla perenne
Esta última opción permitirache vestir un maior tramo de parede dunha forma moi sinxela. Tan só precisas os materiais naturais que queiras, tesoiras e fío negro. Agrupa en pequenos ramalletes as follas ou podallas e enrola o extremo con fío. Sen cortar o nó, sigue enlazando as plantas deixando unha pequena separación entre unhas e outras. Combina ramas frescas con outras máis secas para conseguir un efecto invernal, pero á vez colorido. A extensión é totalmente libre, así que adáptaa ao teu gusto e espazo. Mostrámosche o resultado final na seguinte imaxe. Verás que sinxelo é!
Gustáronche estas ideas? Descubre outros xeitos de decorar o teu fogar con plantas con estes artigos extra.
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.