10 xogos infantís para pasar o tempo sen recorrer á tecnoloxía
Con tantos días por diante, os videoxogos e a televisión non abondan para matar o tempo e gozar en familia dun anaco xuntos.
Que che parece se facemos unha lista de xogos infantís que non dependan de ningún tipo de tecnoloxía? Desconectade e pasade un anaco fabuloso xuntos! Hai xogos para todas as idades e gustos.
1- Como dis?
En moitas casas coñécese como o "teléfono tolo", "teléfono roto" ou "teléfono escacharrado". Sexa como for, o que está claro é que este xogo é divertidísimo!
Colocádevos todos formando un círculo. Agora un terá que pensar unha palabra ou frase e borboriñala (só unha vez) ao oído do compañeiro que ten ao pé. Este terá que repetirlle o que entendeu (sexa o que for!) á persoa seguinte. O último da cadea terá que dicir en voz alta a mensaxe que recibiu. Xa veredes como se transforman as mensaxes. Non poderedes parar de rir.
2- Adiviña adiviñanza
Un xogo que nos leva acompañando toda a vida e que, ademais de ser entretido, serve para exercitar o cerebro. Se non sabedes moitas, sempre podedes buscar previamente unhas cantas cada un e facer unha lista propia. Podedes poñervos o reto dunha adiviñanza diaria e ir acumulando puntos durante toda a semana. Quen será a persoa máis astuta da casa?
3- Contacontos animado
A todos nos gustan as boas historias, así que que vos parece pasar unha tarde-noite de contacontos animado?
Primeiro preparade a contorna. Apagade as luces do cuarto e colocade unhas lanternas dentro dunha bolsa de plástico posta cara arriba para crear unha lámpada de ambiente caseira. Sentádevos arredor, coma se se tratase dunha fogueira de campamento, e contade cada un unha historia inventada ou o seu conto infantil preferido. Será moito máis divertido se preparades algúns accesorios para acompañar a narración: unha capa para o superheroe, unha espada para a intrépida guerreira, unha chave para abrir o portal máxico...
Collésteslles gusto a iso de contar e interpretar historias? Facede un teatro de monicreques e practicade esta afección tan bonita e divertida dun xeito moi orixinal. Contámosvos como neste artigo:
4- Películas na sombra
Os xogos de mímica son un gran entretemento e sacan o noso lado máis imaxinativo. Así que vos propoñemos que representedes con sombras algunhas das escenas das vosas películas predilectas. Sabemos o que estades a pensar... "Soa xenial, pero como se fai iso sen unha pantalla?" Moi fácil!
Para xogar ás películas na sombra só necesitas unha saba clara (se é branca, mellor), un pau longo (como o dunha fregona ou vasoira), unhas poucas pinzas e un flexo!
Suxeita coas pinzas un dos lados longos da saba arredor do pau e despois colga este. Se tes unha porta dobre, podes poñer cada extremo sobre unha das portas abertas para crear unha especie de pano de teatro ou pantalla de cine. Agora coloca detrás un flexo apuntando directamente á saba. E xa está! Por quendas, representade con mímica e sons a película elixida. Os demais terán que adiviñala dende o outro lado da saba.
Consello: deixade ao voso carón unha caixa con complementos que vos axuden, como unha manta (para facer de capa, saia...), unha gorra ou sombreiro, un paraugas (para facer de variña máxica, espada...), un boneco, etc. Así poderedes facer máis reais os vosos personaxes.
5- Xogos de mesa
O clásico dos clásicos. Os xogos de mesa e os xogos de cartas son imprescindibles en todas as casas. O certo é que hai un xogo perfecto para cada tipo de persoa: de construcións e propiedades, de palabras, de estratexia... Quitádelles o po e gozade do taboleiro, os dados, as fichas e todos os complementos dun bo xogo de mesa.
Non tedes ningún pola casa ou xa vos cansastes dos que hai? Descargade este xogo chamado "Retos estelares" e gozade de novos e emocionantes retos con toda a familia. Só tedes que facer clic no seguinte botón, recortar as pezas e o taboleiro e empezar a xogar! A divertirse!
6- Karaoke en familia
As penas con cancións son menos. Sacade a vosa vea artística para cantar os vosos temas favoritos. Animádesvos a poñer vós tamén a parte instrumental? Collede tixolas, frautas e calquera obxecto que emita algún son e poñédelle ritmo á tarde. Montade un grupo de música completo.
Cando teñades ensaiado abondo, quen sabe… ao mellor podedes facer unha excepción á norma de "cero tecnoloxía" e gravar o voso primeiro sinxelo familiar coa cámara do móbil. Seguro que é graciosísimo! Ademais, quedará inmortalizado para o recordo.
7- Quen son?
Collede papel e lapis e escribide unha palabra (a poder ser, en maiúsculas e de xeito claro). Pode ser o nome dun personaxe de ficción, un famoso, un obxecto, un alimento... O que se vos ocorra.
Agora pasade o papel boca abaixo á persoa que tedes ao pé. Collede o papel que vos pasaron (sen mirar o que pon!) e ensinádello aos demais.
Por quendas, deberedes facer preguntas de resposta "si" e "non" para adiviñar quen ou que sodes. Se o xogador obtén unha resposta afirmativa á súa pregunta, pode seguir preguntando. En caso contrario, tócalle preguntar ao seguinte xogador. Sorte!
8- Vexo, vexo
Con banda sonora ou sen ela, trátase dun gran xogo para repasar o abecedario cos máis peques. Serve para traballar a concentración e ademais é divertido. É unha escusa perfecta para coñecer a fondo os pequenos detalles da casa.
Se queredes darlle un toque diferente a este xogo porque xa o coñecedes moi ben, podedes facer o seguinte: que todo o mundo saia do cuarto, agás unha persoa. Esta persoa esconderá ou cambiará de sitio un obxecto, o que queira. Despois deixará pasar os demais. Son quen de notar a diferencia?
9- Que será?
Xogar cos sentidos é xenial, pero… e se probades a utilizar só un deles? Que ocorrería? Nunha bolsa ou nunha caixa de cartón metede un obxecto, o que queirades. Un de vós, cos ollos vendados, só co tacto, deberá adiviñar de que se trata. Pode ser un peluche, o mando da tele ou incluso, se queredes ser máis travesos, algo un pouco máis viscoso, coma un iogur ou unha xelatina; seguro que o xogador non o espera! Xogade coas texturas!
10- A busca do tesouro
Con este xogo a túa casa converterase nunha illa encantada, chea de aventuras, perigos e moitos, pero que moitos tesouros ocultos. Como atopalos? Fai un mapa coas zonas principais do fogar e marca onde están escondidas as riquezas desta nova terra. Podes incorporar ao xogo quebracabezas, enigmas..., ademais do gran tesouro final. Ao mellor o tesouro podería ser unha deliciosa torta de chocolate...
Esperamos que estas ideas sirvan para que o pasedes xenial e compartades un anaquiño divertido coa familia e amigos. Se che gustou este artigo e queres máis ideas de plans para facer na casa cos nenos durante a corentena, non perdas o seguinte artigo:
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.