Saltar

Valoracións e opinións

Termos e condicións do uso do servizo de opinións e valoracións dos clientes

A túa opinión é importante para nós!

O servizo de opinións e valoracións dos clientes (en diante, o "servizo CRR") ofréceo IKEA Ibérica, S. A., e son os presentes termos e condicións os que rexerán a nosa relación cando empregues o servizo CRR e escribas unha opinión, valoración ou recensión susceptible de ser publicada. Recóllese nos presentes termos e condicións, así mesmo, a información relativa ao xeito no que se procesan as recensións por parte de IKEA Ibérica, S. A.

No caso de que exista algún conflito entre a nosa Política de privacidade e o contido destes termos e condicións de uso, en relación co servizo CRR, prevalecerán os termos e condicións de uso.

Ao utilizar o servizo CRR e emitir unha opinión, valoración ou recensión susceptible de ser publicada, garantes o seguinte:

  • Es maior de idade
  • Actúas libremente e non estás a suplantar a identidade dun terceiro.
  • Es o autor e único titular dos dereitos de propiedade intelectual do contido enviado.
  • Renuncias de forma voluntaria aos dereitos que poidas ter en relación co devandito contido.
  • O contido que envías é veraz e respecta todas e cada unha das limitacións seguintes:
    • Non infrinxe ningunha lei nin regulación.
    • Non é falso, nin impreciso, nin enganoso nin tendencioso.
    • Non se obtivo de maneira delituosa nin impropia.·       Non infrinxe dereitos de propiedade de terceiros de ningunha clase (como de autor ou de marcas, nin segredos comerciais ou industriais), nin os dereitos á privacidade nin á honra;
    • Non pode considerarse difamatorio nin discriminatorio, nin que fomente o odio; non contén prexuízos raciais, relixiosos nin de xénero; non é ofensivo nin contén ameazas, nin se pode considerar como un acoso a ningunha persoa ou empresa.
    • Non recibes de forma directa nin indirecta polo devandito comentario, nin por parte de IKEA nin por parte de terceiros, unha compensación ou algún tipo de beneficio.
    • Non inclúe publicidade directa nin indirecta de produtos nin servizos.
    • Non menciona de xeito directo nin indirecto outras empresas nin marcas.
    • Non inclúe ningunha ligazón nin información que faga referencia a outros sitios web, enderezos, correos electrónicos, datos de contacto nin números de teléfono, e, en xeral, ningún dato de carácter persoal propio nin de terceiros.
    • Non contén virus informáticos, publicidade viral (spam), "vermes" (IWorm) nin calquera outro programa, arquivo ou ligazón potencialmente daniños.

Informámoste de que poderás realizar un comentario no apartado de texto libre, ademais da puntuación en estrelas do produto (cantas máis estrelas teña, mellor valorado estará).

Ao inserir a túa opinión, valoración ou recensión, e ao aceptar as súas limitacións conforme ao disposto nos presentes termos e condicións, aceptas automaticamente compensar, se é o caso, e manter indemne a IKEA Ibérica, S. A. (e os seus axentes, filiais e provedores de servizos) por calquera posible sanción, demanda e reclamación de danos e prexuízos (dano emerxente e lucro cesante) de calquera tipo e natureza, así como polos honorarios de avogados e procuradores que se poidan orixinar dun eventual incumprimento das garantías anteriores e, en especial, dunha infracción pola túa banda de calquera lei ou dos dereitos dun terceiro. Todo o anterior aplícase sen prexuízo da facultade de IKEA de non publicar ou eliminar a túa recensión en calquera momento se non cumpre coas garantías anteriores.

Ao enviar calquera tipo de contido, outorgas automaticamente e de forma gratuíta a IKEA Ibérica, S. A. un dereito perpetuo e transferible para usalo, copialo, modificalo (sen alteración substancial), eliminalo, adaptalo, publicalo e traducilo, así como para crear contidos derivados, distribuílos ou incorporalos en calquera formato, medio ou tecnoloxía en todo o mundo. Facultas, así mesmo, a IKEA Ibérica, S. A. para compartir o devandito contido e recensión con calquera outra empresa do grupo empresarial INGKA, de modo que o contido e a recensión que compartas con IKEA Ibérica, S. A. poida quedar publicado en calquera das páxinas web e aplicacións, ou calquera outro soporte e tecnoloxía, das devanditas sociedades do Grupo INGKA. Consecuentemente, as persoas que accedan a visualizar o contido e as recensións poderán velos tanto na súa versión e lingua orixinais (tal e como o enviases a IKEA Ibérica, S. A.) como na súa tradución ao idioma da páxina web en cuestión. A túa recensión publicarase acompañada do nome de pía que facilitases durante o rexistro en IKEA Family ou ao crear unha conta de usuario na web, xunto coa data na que deixaches a recensión e co país de residencia que consta no teu perfil de IKEA Family ou o que proporciones no momento de crear unha conta de usuario na web.

O contido da valoración, opinión ou recensión que envíes revisarase por parte de IKEA Ibérica, S. A. ou por un terceiro nomeado por esta entidade antes da súa publicación. Reservámonos o dereito a modificar (sen alteración substancial), adaptar, resumir, non publicar ou eliminar calquera contido que non cumpra co disposto nos presentes termos e condicións. A efectos aclaratorios, en ningún caso esta revisión terá como finalidade distorcer recensións de consumidores, usuarios ou aprobacións sociais co fin de promover os nosos bens e servizos.

Unha vez enviada a valoración, opinión ou recensión, non podemos garantir que teñas a posibilidade de solicitar a súa edición ou eliminación. As puntuacións e os comentarios escritos adoitan publicarse nun prazo de entre dous e catro días laborables.

Cales son as vías polas que se pode enviar unha opinión, valoración ou recensión?

  • Como persoa usuaria, poderás dar a túa puntuación e facer un comentario por cada produto que merques en IKEA a través do correo electrónico que recibirás se es do club IKEA Family, pasaches a túa tarxeta Family no momento da compra e aceptaches o envío de comunicacións comerciais por parte de IKEA Ibérica, S. A. Se non es do club, non pasaches a tarxeta no momento da compra ou non aceptaches o envío de comunicacións comerciais por parte de IKEA Ibérica, S. A., non recibirás un correo electrónico noso no que te convidemos a que nos envíes a túa recensión.
    Recibirás a mensaxe no correo electrónico que proporcionaches a IKEA Ibérica, S. A. cando te rexistraches no club IKEA Family.
    Tamén podes deixar unha recensión como persoa usuaria de IKEA Family dende o teu historial de compras. 
    A través destas vías, podemos garantir que quen escribe a recensión utilizou ou mercou o produto de IKEA Ibérica, S. A. que está a valorar. Por iso, estas recensións aparecen identificadas como verificadas con algunha etiqueta do tipo "verificada", "comprador verificado" ou similar.
  • Tamén poderás puntuar calquera produto que estea publicado na nosa páxina web, así como escribir unha recensión sobre el. Neste caso, unha vez que envíes a túa valoración, solicitarémosche que te rexistres con usuario e contrasinal. IKEA Ibérica, S. A. informa os usuarios do servizo CRR de que este xeito de enviar unha valoración non permite garantir que a persoa que a remitise mercase o produto en IKEA nin que o usase, en xeral; polo tanto, estas recensións non están verificadas, no sentido de que non é posible comprobar que a persoa que as escribise utilizase ou mercase o produto de verdade. Por este motivo, estas recensións deben considerarse como "non verificadas" e, en ningún caso, virán marcadas como verificadas.

Coa aceptación destes termos e condicións, cando envíes unha opinión, valoración ou recensión, autorízasnos a que poidamos publicar o teu nome (o que facilitaches durante a creación dunha conta como persoa usuaria da web ou o que proporcionases no momento de rexistrarte no club IKEA Family), xunto co contido da recensión que deixes, para publicalo en calquera medio impreso ou dixital en calquera formato, medio ou tecnoloxía en todo o mundo. Do mesmo xeito, autorizas que publiquemos a data na que deixaches a recensión e o teu país de residencia, xa sexa o que consta no teu perfil de IKEA Family ou o que proporciones no momento de crear unha conta de usuario na web.

Así mesmo, ao aceptar estes termos e condicións, cando envíes unha opinión, valoración ou recensión, autorizas que tanto nós como os nosos provedores poidamos poñernos en contacto contigo en relación co estado da túa opinión a través do correo electrónico asociado á túa recensión. Non utilizaremos o teu correo electrónico para fins comerciais nin permitiremos que o use ningún terceiro que non estea involucrado na subministración do servizo CRR. En función da valoración que enviases, poderemos contactar contigo, de acordo co interese lexítimo de IKEA Ibérica, S. A., no caso de que lancemos unha advertencia de seguranza sobre algún dos nosos produtos ou de que precisemos investigar casos relacionados coa seguranza dos produtos IKEA.

IKEA Ibérica, S. A. garante que non inclúe recensións falsas e que non compensa a ningunha persoa, física ou xurídica, nin lle outorga ningún beneficio para que inclúa recensións co fin de promover bens ou servizos. Os contidos publicitarios realizados por IKEA Ibérica, S. A. na presente web ou en calquera outra canle ou medio identificaranse expresamente como contido publicitario.

Visualización de recensións de produtos IKEA por clientes doutros países. IKEA Ibérica, S. A. informa as persoas usuarias da páxina web e da aplicación de que poderán visualizar contido e recensións dos produtos IKEA proporcionados por clientes e persoas usuarias doutros países que adquirisen os devanditos produtos en tendas IKEA do Grupo INGKA. Estas recensións amosan o contido proporcionado polo cliente ou a persoa usuaria no país estranxeiro con exactitude, a data da recensión e o país de procedencia, así como o nome de pía da persoa, tal e como o rexistrou no momento de unirse a IKEA Family ou de crear unha conta de usuario na web do país en cuestión.  A persoa usuaria da web e a aplicación poderá elixir visualizar unha tradución automática da recensión en cuestión, pero IKEA exímese de calquera responsabilidade relacionada coa exactitude ou inexactitude da devandita tradución. Estas recensións virán marcadas como verificadas cando as persoas usuarias, no seu país correspondente, as publicasen a través do correo electrónico recibido despois dunha compra en IKEA no devandito país ou a través do seu historial de compras, como usuarias de IKEA Family no devandito país. As recensións publicadas directamente na páxina web do país correspondente non se identificarán como verificadas, dado que, mesmo se a persoa usuaria está rexistrada na web, IKEA non pode comprobar nese país se mercou o produto ou fixo uso del.  IKEA Ibérica, S. A., non intervén na captación, moderación nin publicación das recensións por parte de persoas usuarias e clientes de IKEA (Grupo INGKA) noutros países. 

26/03/2025