Coida os teus mobles
Queremos axudarte a vivir de forma máis sostible no fogar. Hoxe o 4% dos residuos sólidos que rematan no vertedoiro son mobles. Xuntos podemos dar un futuro mellor aos mobles usados. Todos merecemos unha segunda oportunidade! Descubre as solucións que che ofrecemos para alongar a vida dos produtos IKEA.
Como coidar e limpar o colchón
Completa o teu colchón cun protector, así será máis doado de retirar, lavar e manter sempre como novo. Ademais, a maioría dos nosos colchóns veñen con cutín lavable. Comproba que a cremalleira estea pechada antes de lavalo.
Para eliminar o po e os ácaros pasa a aspiradora ao colchón.
Como lavo a almofada e o edredón
Os edredóns ou almofadas empaquetados enrolados poden comprimirse durante o transporte e tardar uns días en recuperar a súa forma e esponxosidade.
A penuxe e as plumas teñen un cheiro característico que desaparece unha vez que saques o edredón da embalaxe e se airee durante un tempo. Os ácaros prosperan en ambientes húmidos, cálidos e escuros. Polo tanto, cando te levantes da cama airea o edredón ou almofada para que se evapore a humidade residual antes de volvelo colocar na cama.
Ademais, podes lavar todas as almofadas ou edredóns de IKEA a 60ºC, temperatura á que morren os ácaros.
Para manter as almofadas ou edredóns impecables, libres de ácaros e sucidade, segue as instrucións de lavado. Para que o edredón ou almofada recupere a súa esponxosidade e seque máis rápido tras o seu lavado, coloca unhas pelotas de tenis que non destingan no tambor da secadora. Para lavar un edredón de penuxe ou plumas, emprega só unha terceira parte da cantidade de deterxente habitual. Despois de lavar o edredón, pono a secar inmediatamente. Airea o edredón ou almofada con frecuencia para que se manteña impecable. Para prolongar a duración das almofadas, emprega unha funda protectora contra a sucidade e as manchas.
Baterías de cociña como novas
Antes de empregar a batería de cociña por primeira vez lávaa, acláraa e sécaa coidadosamente.
Comproba se a túa batería é apta para o lavalouzas. Para previr as manchas de cal, secar ben cun pano despois do lavado. As manchas pódense eliminar cun pouco de vinagre disolto en auga temperada.
Para previr as manchas de sal, non engadas sal ata que a auga non estea fervendo.
Non empregues un estropallo metálico nin outra cousa que poida raiar a superficie.
A base é lixeiramente cóncava cando está fría, pero expándese ata alisarse cando se quenta. Deixa sempre que a túa batería arrefríe antes de limpala. Así a base retoma a súa forma, o que axuda a evitar que se deforme co uso.
As nosas baterías son axeitadas para empregar con todo tipo de placas e no forno.
Deseñáronse exclusivamente para cociñar, non para gardar alimentos. Os alimentos gardados na batería de cociña durante períodos prolongados poden afectar á superficie da batería ou adquirir sabor metálico.
Usa a batería nun lume cun diámetro igual ou inferior para aforrar enerxía.
Ten presente que as asas quéntanse moito cando os recipientes se expoñen ao lume. Usar sempre manoplas ou similares para mover os recipientes ou levantar a tapa.
Non permitas que o recipiente permaneza no lume sen líquido no seu interior porque podería deformarse se se ve exposto a unha calor excesiva.
Toallas suaves e absorbentes
Aínda que se trata dunha recomendación opcional, lavar as toallas de forma separada doutras prendas é unha boa forma de impedir que as súas fibras se amazoquen, que poidan absorber as cores doutra roupa ou que a deixen chea de peluxes.
Así, para aforrar en cartos e enerxía, podes esperar a ter acumuladas bastantes toallas para lavalas todas xuntas e obter mellores resultados. Iso si, a carga tampouco debe ser excesiva, xa que as toallas deben poderse mover con facilidade para que a auga pase ben entre elas e queden completamente limpas.
Os suavizantes diminúen a capacidade de absorción das toallas e a cambio aportan suavidade e esponxosidade. A solución? Emprega o suavizante cada dous ou tres lavados da toalla e axudarás a prolongar a vida útil das túas toallas sen renunciar á suavidade.
Como recomendacións xerais, lava as toallas á máquina a 60 °C e non empregues lixivia. Emprega o secado normal en secadora e pásalles o ferro a temperatura media.