Saltar

Cactos, crasas e outras suculentas

Dámosche a benvida ao marabilloso mundo dos cactos e as suculentas! Mais se non sabes por onde comezar, axudámoste a entender que coidados requiren este tipo de plantas e como sacarlles o máximo partido como elemento decorativo.

Cactos, crasas e outras suculentas sobre unha mesa antiga con testos dourados

Cactos

Os cactos pertencen á familia das suculentas e caracterízanse polo seu talo groso cunha gran capacidade de almacenar auga, polo que debes regalos con moderación. Podes escoller cactos de diferentes tamaños e especies para crear unha composición orixinal e harmoniosa.

Detalle de cacto con espiñas

Coidados dos cactos

Estes son os coidados básicos que precisan os cactos:

  • Auga: regar con moderación (comprobar a humidade do substrato antes de regar). Lembra que os cactos medran lentamente, polo que non tentes regalos en exceso se cres que non medran por falta de rego.
  • Sol: colocar nun sitio con luz directa do sol.
  • Temperatura: aconséllase que a temperatura mínima non sexa inferior a 12 °C.
  • Outros coidados: usar en interior e evitar as correntes de aire.

 

Consello: Os cactos adoitan ter espiñas. Pon luvas de xardinaría para manipulalos.

Crasas e outras suculentas

As crasas son un tipo de suculentas perfectas para iniciarse no mundo da xardinaría polos poucos coidados que requiren. Así como os cactos acumulan a auga no talo, as crasas como as semprevivas ou as árbores de xade almacénana tanto no talo como nas follas.

Detalle das follas dunha suculenta

Coidados das crasas e outras suculentas

Estes son os coidados básicos que precisan as suculentas:

  • Auga: regar con moderación (comprobar a humidade do substrato antes de regar).
  • Sol: colocar nun sitio con luz directa do sol.
  • Temperatura: aconséllase que a temperatura mínima non sexa inferior a 12 °C.
  • Outros coidados: usar en interior e evitar as correntes de aire. A especie kalanchoe pode colocarse tamén no exterior.

 

Consello: As crasas e suculentas son sensibles ao cambio de testo. Evita transplantalas a miúdo.

Sansevierias e aloe vera

As sansevierias, tamén coñecidas como "dracaenas", "colas de lagarto" ou "linguas de sogra", son un xénero de suculentas orixinarias de Sudáfrica e Asia. Estas plantas teñen o poder de mellorar a calidade do aire durante a noite. Por outro lado, son sensibles ao exceso de rego. Cando hai demasiada auga no testo, pódese reducir o fluxo de osíxeno cara as raíces e que a planta sufra danos.

Detalle das follas dunha planta de aloe vera

Coidados do aloe vera e sansevierias

Estes son os coidados básicos que precisan as sansevierias e o aloe vera:

  • Auga: regar con moderación (comprobar a humidade do substrato antes de regar).
  • Sol:
    • Sansevierias: colocar nunha área luminosa, sen sol directo.
    • Aloe vera: colocar á luz do sol.
  • Temperatura mínima:
    • Sansevierias: 15 °C.
    • Aloe vera: 12 °C.
  • Outros coidados: usar en interior.

Os testos perfectos para os teus cactos

Complementa os teus cactos e as túas suculentas cunha coordinación de testos que harmonice a túa composición decorativa. Propoñémosche estas tres opcións, mais na nosa sección de testos tes unha gran variedade de cores, texturas e materiais onde escoller.

A cor dourada nunca pasa de moda e achega romanticismo ao noso día a día. Combina testos de diferentes medidas e crea a túa propia composición de cactos e suculentas.
Estes testos semellan de cemento, pero en realidade son de plástico reciclado, un material lixeiro e de baixo impacto no medio. Pesan moi pouco e duran unha chea de tempo!
Estes soportes para testo fanse á man con bambú sobrante da fabricación doutros produtos. Un xeito intelixente de utilizar os recursos naturais para crear artigos novos e exclusivos para a túa casa.

Coñeces os beneficios de ter cactos en casa?

Seguro que tes escoitado que os cactos son capaces de absorber as ondas electromagnéticas dos dispositivos electrónicos como os ordenadores. Trátase dun mito, e os chamados "cactos de ordenador" non teñen propiedades beneficiosas nese sentido. Mais si que inflúen no noso benestar e no noso estado de ánimo, tanto na casa como na oficina. Así que te animamos a decorar con cactos e a que comeces a experimentar estes beneficios.

Xogo infantil de xardinaría con esgallos de suculentas

Con este xogo infantil, os cativos e cativas da casa poderán gozar da xardinaría e aprenderán a responsabilidade que supón o coidado das plantas. Aínda que como xa sabemos, as suculentas non requiren de demasiados coidados, polo que se hai algún descoido e esquecen regalas de cando en vez, probablemente non aconteza nada.

Que inclúe este xogo de xardinaría infantil?

Inclúe 1 planta, 1 soporte para testo (6 cm de diámetro) e 1 paquete con terra.

Instrucións para plantar a suculenta:

  • Paso 1: pon o paquete con terra nun vaso, engade 50 ml de auga e deixa que a absorba.
  • Paso 2: pasa a terra que se formou no vaso a un testo.
  • Paso 3: planta a suculenta.

Como podes ver, as suculentas e os cactos non precisan grandes coidados, o que fai que sexan os candidatos perfectos para iniciarse no mundo das plantas e a xardinaría.

Ademais, son plantas bastante resistentes ás variacións de temperatura que se producen entre o verán e o inverno. Iso si, se vives en zonas onde se alcanzan temperaturas extremas nestas estacións, recomendámosche que sempre teñas as túas suculentas e cactos no interior.

Tipos de cactos

Clasificamos os diferentes tipos de cactos de interior do seguinte xeito:

Cactos con flores

Hai moitos tipos de cactos que florecen en primavera, coincidindo co aumento das temperaturas e das horas de sol. Entre os cactos con flores que existen atopamos os seguintes xéneros:

Echinopsis

O xénero de cactos Echinopsis é orixinario de Sudamérica e ten máis de 150 especies. As flores (con forma de trompeta e cores de tonalidades amarelas, rosas e brancas) son moi decorativas e teñen a particularidade de seren unhas das máis grandes de toda a especie.

Rebutia

O xénero Rebutia é orixinario dos territorios máis occidentais e meridionais de América do Sur. A súa taxonomía conta con máis de 40 especies coñecidas e son doadas de reproducir pola gran cantidade de sementes que producen. Por este motivo, as Rebutia son o xénero con flores da familia Cactaceae máis común en xardinaría.

Astrophytum

Este xénero de cacto é orixinario de México e do sur dos Estados Unidos e conta con 6 especies. Etimoloxicamente, o seu nome significa "planta con forma de estrela" porque algunhas das súas especies teñen forma de estrela de 5 puntas. A floración adoita acontecer no ápice superior do cacto e adoitan ter unha única flor por tempada.

Tephrocactus

Os Tephrocactus son un xénero de cacto que conta con máis de 15 especies orixinarias de Arxentina. A etimoloxía do seu nome fai referencia á palabra grega "tephra", que significa "cinza", en referencia á cor pálida deste xénero de cactos con flores.

Cactus euphorbia

Aínda que Euphorbiaceae é unha familia en si mesma, diferente á familia Cactaceae (que agrupa todos os cactos), o certo é que en xardinaría sempre nos referimos ao xénero Euphorbia como CactusEuphorbia por todas as similitudes morfolóxicas que hai entre ambas as familias. O xénero Euphorbia é moi complexo e extenso, posto que conta con máis de 2000 especies.

Este xénero distribúese en rexións tropicais e subtropicais, tanto de África como de América.

Minicactos

Cando falamos de minicactos, obviamente referímonos a calquera cacto pequeno: ben porque pasou pouco tempo dende o momento da súa reprodución por xerminación ou por esgallo, ben porque as propias características morfolóxicas do seu xénero determinan as dimensións do cacto. Outra posibilidade é forzar que o crecemento do cacto se deteña empregando testos de dimensións moi reducidas que impidan o crecemento das raíces por falta de espazo.

Os minicactos son un elemento de decoración moi común en oficinas de todo o mundo porque existe o falso mito de que absorben as radiacións. O certo é que non hai estudos que demostren este beneficio dos cactos. Con todo, o que non é de ningún xeito falso é que os minicactos son un excelente elemento decorativo.

Cactos artificiais

Sabías que os cactos son tendencia en decoración? Por este motivo existen unha morea de opcións decorativas con cactos, dende láminas decorativas con imaxes destas particulares plantas, figuras de cerámica en forma de cactos e, por suposto, cactos artificiais.

Na nosa serie FEJKA de plantas artificiais atoparás cactos artificiais asombrosamente realistas e bonitos. Podes combinalos entre eles e crear unha bonita composición de cactos e suculentas. O bo é que ao ser artificiais poderás colocalos en calquera recuncho da túa casa, independentemente da cantidade de luz directa que teñas.

Tipos de suculentas

As suculentas son plantas carnosas moi utilizadas como elemento decorativo, tanto en oficinas como no fogar. De feito, para ser precisos, os cactos estarían incluídos dentro da familia das suculentas e adoitamos empregar de forma equivocada os termos crasas e suculentas indistintamente como sinónimos.

Etimoloxicamente, esta familia de plantas recibe o nome do termo latín "succulentus", que significa "zumarento". Precisamente foron bautizadas así pola súa capacidade de almacenar auga tanto no talo como nas follas e as raíces. Este mecanismo de adaptación permite a súa supervivencia en condicións de calor extrema.

As suculentas clasifícanse en diferentes tipos, entre os que destacamos estes xéneros e familias:

Crasas

As crasas constitúen en si mesmas unha familia de plantas denominada crasuláceas. Existen ao redor de 1400 especies diferentes de crasas que se agrupan en 25 xéneros.

Kalanchoe

Kalanchoe é un xénero de suculentas orixinario de Europa, Asia e o norte de África, pertencentes á familia das crasuláceas e que medran en estado silvestre. A cor das súas flores pode variar dende os tons máis pálidos, como os brancos e amarelos, ata os tons máis vivos, como os vermellos e fucsias.

Con respecto aos coidados dos Kalanchoe, estas suculentas precisan exposición ao sol e unha temperatura mínima de 12 °C. Ademais, son plantas sensibles tanto á falta como ao exceso de rego, polo que deberás controlar moi ben a hidratación do substrato para evitar que podrezan as raíces ou que murchen. Este tipo de suculentas con flores conta con 125 especies aproximadamente e son moi utilizadas como elemento decorativo polas súas bonitas agrupacións de flores.

Árbores de xade ou plantas de xade

Crassula ovata é o nome científico da comunmente chamada árbore de xade ou planta de xade. Estas plantas perennes son orixinarias de Mozambique e Sudáfrica, onde medran en lugares rochosos e con períodos de chuvia intensiva durante o inverno.

Este arbusto da familia das crasas recibe o seu nome da cor verde intensa das súas follas, que lembran o xade. Unha árbore de xade adulta pode chegar aos 2 metros de altura, aínda que adoitamos atopala cun tamaño moito menor.

Semprevivas

As semprevivas, Sempervivum, son un xénero de crasas que reúne máis de 30 especies diferentes. Estas suculentas son orixinarias das illas Canarias, das montañas da península ibérica e da Europa caucásica

O seu particular nome vén do latín "Semper vivus", "sempre vivinte", nunha clara referencia á súa resistencia ás condicións adversas e á súa calidade de perenne.

Para poder florecer, as semprevivas adoitan precisar medrar primeiro durante algúns anos. É por iso que adoitamos ver estas suculentas sen flores na maioría dos casos.

Echeverias

As Echeveria son, de novo, un xénero da familia Crassulaceae. Tamén coñecidas como "rosas de alabastro", este xénero conta con 393 especies e é orixinario das zonas áridas de Estados Unidos, México, Centroamérica e Sudamérica.

A principal característica das Echeveria é a disposición das súas follas en forma de roseta e o seu ton verde co ápice en tons alaranxados, rosáceos ou avermellados. Este xénero de crasas é menos sensible ao frío, polo que poden chegar a soportar xeadas e a falta de sol. Por este motivo, podemos atopar este xénero de suculentas adornando xardíns en case calquera parte do mundo.


Cando e como transplantar os cactos

Os cactos, e as suculentas en xeral, son sensibles ao cambio de testo. Por este motivo é moi importante facelo no momento máis axeitado e utilizando o procedemento correcto.

  1. O mellor momento para transplantar os cactos e as suculentas é a época estival (de primavera a verán). Non recomendamos que o fagas nas estacións máis frías do ano, porque se se dana algunha das raíces durante o proceso podería facer que o teu cacto podreza por exceso de humidade.
  2. Escolle un testo que sexa un chisco meirande que o que vas cambiar. Porén, non escollas un testo moito máis grande ou podería crearse un entorno excesivamente húmido que dane o teu cacto ou suculenta.
  3. No caso dos cactos, usa luvas de xardinaría para evitar picarte.
  4. Prepara a base do testo con pedregullo ou outro tipo de pedras pequenas que faciliten a drenaxe do exceso de auga. Enriba desta base, utiliza un substrato especial para cactos.
  5. Tenta que a porción que queda enterrada do teu cacto ou suculenta sexa a mesma que no testo de orixe.

As claves para o coidado dos cactos: moita luz e pouca auga

Esperamos terte axudado a coñecer un chisco máis a fondo as características dos cactos, as crasas e todas as plantas suculentas en xeral. En definitiva, se queremos que quedes con algo, é que son plantas moi doadas de coidar: só precisan luz natural e un pouco de auga cada 7-10 días. Lembra que é mellor que quedemos curtos de auga a que nos pasemos con ela, porque son plantas con mecanismos de reserva de auga que lles permiten soportar longas tempadas de seca.

Ah, e se queres poñerlles as túas cancións favoritas de cando en vez, benvidas sexan!