Hora do té e peras doces
Para a maioría de nós, o té calma e relaxa. É algo que beber cando queremos facer unha pausa e reflexionar. Porén, pode ser moito máis ca iso. Como ocorre co segredo do éxito desta saborosa sobremesa, onde o agradable amargor do té Earl Grey se fusiona coas peras doces.


Peras cocidas lentamente en té Earl Grey
PORCIÓNS: 4-6 TEMPO DE PREPARACIÓN: 35-40 min
Nesta luxosa sobremesa, a dozura das peras combina elegantemente co agradable amargor do té. O mascarpone e a crema fresca engaden unha marabillosa textura.
INGREDIENTES:
3 peras (de Anjou
ou conferencia)
3 bolsiñas de té Earl Grey EGENTID
3 culleradas de azucre
1 dl de mascarpone
1 dl de crema fresca
4 culleradas de pistachos, ben picados
Mel
ELABORACIÓN:
- Pela as peras cun pelador e córtaas lonxitudinalmente en anacos duns 2 cm de grosor (aproximadamente 4 anacos).
- Pon as bolsiñas de té nunha pota de 1,5 ou 2 l de capacidade e engade 6 dl de auga e o azucre. Leva a auga a ebulición. Deseguido, retira o recipiente do lume e deixa infusionar 4 minutos.
- Retira as bolsiñas de té. Volve poñer a pota no fogón e deixa cocer lentamente co lume en intensidade media. Engade a pera e cubre a pota coa tapa. Deixa cocer lentamente uns 15-20 min.
- Mestura o mascarpone coa crema fresca. Cando as peras estean brandas, retíraas da pota. Cubre cada anaco cunha ración de mascarpone e crema fresca, unha cullerada xenerosa do zume da pota e un toque de mel. Esparexe pistachos picados. Sirve os anacos de pera quentiños.
NOTA: Para tomar un xeneroso almorzo, deixa arrefriar as peras sobrantes, colócaas nun tarro e gárdao no frigorífico durante a noite. Pola mañá poderás degustar a pera con iogur e granola.
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.