Saltar

Termos e condicións do servizo de proxectos personalizados para empresas

O presente documento regula os termos e condicións xerais de uso do SERVIZO DE DESEÑO DE INTERIORES PARA EMPRESAS nas dúas modalidades, PROXECTO (PREMIUM) e/ou CONSULTA (BÁSICO), nas modalidades PRESENCIAL (só dispoñible en determinados establecementos IKEA) OU MEDIANTE VIDEOCONFERENCIA (en adiante, o "SERVIZO DE DESEÑO DE INTERIORES" ou o "SERVIZO") entre IKEA IBÉRICA S.A.U., con domicilio social en Avenida Matapiñonera 9, CP 28703, San Sebastián de los Reyes (Madrid) e CIF A28812618 (en adiante, "IKEA") e o cliente (en adiante, o "Cliente").

PRIMEIRA.- DETALLE DOS SERVIZOS

Se precisas a nosa axuda para decorar calquera estancia do teu negocio, na nosa Web poderás contratar este SERVIZO DE DESEÑO DE INTERIORES en calquera das modalidades que se ofrecen: PROXECTO (PREMIUM) OU CONSULTA (BÁSICO).

O SERVIZO DE DESEÑO DE INTERIORES PARA EMPRESAS ten os seguintes prezos:

  • SERVIZO PREMIUM DE PROXECTO DE DESEÑO DE INTERIORES PARA EMPRESAS: CENTO CINCUENTA EUROS (150 €) ata espazos de 201 metros cadrados (m2), mais CINCUENTA CÉNTIMOS (0,50 €) por m2 adicional.
  •  SERVIZO BÁSICO DE CONSULTA DE DESEÑO DE INTERIORES PARA EMPRESAS: CINCUENTA E NOVE EUROS (59

IMPORTANTE! Se es Cliente rexistrado na Rede de IKEA para Empresas, consulta os prezos especiais para os servizos antes indicados, xa que por ser membro desta Rede IKEA para Empresas poderás gozar de beneficios, descontos e outras ofertas exclusivas de IKEA.

O SERVIZO inclúe o seguinte:

  • SERVIZO PREMIUM DE PROXECTO DE DESEÑO DE INTERIORES PARA EMPRESAS:
    • Proxecto de decoración con planos en 3D e orzamentos
    • Os nosos asesores axudarante a escoller os teus mobles e complementos
    • Axudámoste no teu proceso de compra e a facer o teu pedido
  • SERVIZO BÁSICO DE CONSULTA DE DESEÑO DE INTERIORES PARA EMPRESAS:
    • Asesorámoste á hora de elixir mobles e complementos
    • Axudámoste co proceso de compra e a elaboración do teu pedido

Unha vez solicites o SERVIZO que máis se axuste ás túas necesidades, poderás reservar o día da túa cita desde a propia web.

Para o caso do SERVIZO PREMIUM DE PROXECTO DE DESEÑO DE INTERIORES PARA EMPRESAS, a través da web poderase concertar e pagar o prezo do servizo polos primeiros 201m2. Se o teu negocio ten máis m2, a información, contrato e pagamento de estancias adicionais efectuarase antes de realizar o SERVIZO e a maneira de facelo será a seguinte: após solicitar o SERVIZO, recibirás unha chamada telefónica de IKEA na que se che solicitará a información precisa para executalo correctamente, como planos, fotos ou outros, segundo o establecido nestas condicións; nesta chamada telefónica poderás trasladarnos o teu interese por contratar o SERVIZO para os m2 adicionais. Despois disto recibirás un correo electrónico de IKEA cunha ligazón a través da que poderás pagar eses m2 adicionais antes de que se preste o SERVIZO.

Facer efectivo o pagamento implica aceptar por completo e sen reservas os presentes termos e condicións.

O pagamento non poderá realizarse en ningún caso en efectivo, polo que os medios de pagamento aceptados serán PayPal ou as tarxetas VISA e Mastercard de crédito ou débito, tarxetas devolución ou agasallo.

O Cliente terá ata as 23:59 da noite do mesmo día no que realice a solicitude do SERVIZO e, no caso dos m2 adicionais, ata as 23:59 da noite do mesmo día en que se envíe a ligazón do pagamento, para realizalo a través desta. No caso de que o Cliente non realizase o pagamento no prazo antes previsto, darase por desistido e a súa solicitude do SERVIZO quedará cancelada, polo que o Cliente deberá iniciar de novo proceso. Unha vez realizada a reserva, porémonos en contacto de novo contigo por teléfono, correo electrónico ou calquera outro medio que IKEA puxese en práctica a fin de xestionar as citas para o SERVIZO, informarémoste da documentación que imos precisar, e no caso de optares pola modalidade de videoconferencia, enviarémosche a convocatoria a Teams (plataforma de reunións con vídeo) mediante a ligazón á aplicación ou ferramenta que IKEA puxese en práctica a fin de xestionar as citas para o SERVIZO, co día e a hora acordados.

No caso de o Cliente non proporcionar a IKEA a documentación precisa para prestar correctamente o SERVIZO cunha antelación de polo menos 72 horas á videochamada ou cita convocada, este darase por desistido e non se realizará a cita ou videochamada, e IKEA devolveralle o importe que pagase polo SERVIZO nun prazo máximo de 14 días naturais. No caso de o Cliente non aceptar expresamente a convocatoria da cita ou da videochamada, nin se puxese en contacto con IKEA para modificar a data e/ou hora cunha antelación de polo menos 24 horas á videochamada ou cita convocada, este darase por desistido e non se efectuará a cita ou videochamada. Nese caso, IKEA devolveralle o importe que pagase polo SERVIZO nun prazo máximo de 14 días naturais.

Se o Cliente, aínda que aceptase a convocatoria ou a cita, non respondese a chamada á hora prevista para a cita ou non se presentase no establecemento na data e hora acordados e, como resultado, non se puidese prestar o SERVIZO por esta causa ou por calquera outra imputable ao Cliente, este deberá solicitar un novo SERVIZO e abonarlle de novo a IKEA o importe correspondente. Se a videochamada ou a cita presencial non se celebrasen na data e hora acordados por causa imputable a IKEA, citarase ou convocarase novamente ao Cliente para outra data e hora, e devolveráselle o importe que pagase polo SERVIZO, ou sexa, o SERVIZO prestaráselle gratuitamente.

Ata 48 horas antes da prestación do SERVIZO, o cliente poderá anular ou adiar a cita ou videochamada sen ningún custo engadido, contactando para iso con IKEA por correo electrónico ou por teléfono. IKEA resérvase o dereito de modificar a data e hora da cita ou videochamada, sen penalización ningunha para IKEA, a condición de que llo notifique ao cliente con polo menos 48 horas de antelación á hora proposta para devandita cita ou videochamada.

Antes de realizarmos a cita presencial ou por videoconferencia, precisamos que nos envíes a información solicitada para poder preparar a cita da mellor maneira posible. Como mínimo precisaremos: medidas da estancia e planos con medidas por parte do cliente a IKEA. É recomendable enviar fotografías das estancias que se queren decorar, e evitarase sempre que nelas apareza algunha persoa. A cita presencial ou videochamada realizarase co único fin de poder prestar o SERVIZO para as estancias contratadas.

O cliente deberá seguir as indicacións facilitadas por IKEA e evitar que nas videochamadas aparezan persoas físicas e/ou terceiros, en particular menores de idade. IKEA queda eximido de responsabilidade en caso contrario. IKEA non gravará nin gardará as videochamadas e o cliente acepta, mediante a contratación do SERVIZO, que dispón de autorización para gravar espazo obxecto da prestación do SERVIZO.

Precisarás ter en conta os seguintes aspectos para poderes realizar este SERVIZO de forma satisfactoria:

  • Dispor de teléfono móbil ou PC portátil con cámara
  • Cobertura no domicilio onde se vai realizar o servizo (4G/WIFI)
  • Cinta métrica. Aconsellable flexómetro de 5 a 8 metros.

O tempo máximo da videochamada ou da cita presencial será de 90 MINUTOS. Nese tempo prestarase o SERVIZO DE DESEÑO DE INTERIORES PARA EMPRESAS para todas as estancias que o cliente contratase.

Unha vez finalizada a cita ou videochamada, se o servizo solicitado é o de PROXECTO PREMIUM DE DESEÑO DE INTERIORES PARA EMPRESAS, nun prazo de CATORCE (14) días hábiles enviarémosche o Proxecto ao enderezo do correo electrónico a través do cal te puxeches en contacto connosco.

Se o servizo seleccionado é o de CONSULTA BÁSICA DE DESEÑO DE INTERIORES PARA EMPRESAS, enviarémosche, xunto á solución, o orzamento nun prazo de sete (7) días hábiles.

Unha vez enviado o Proxecto do SERVIZO (que incluirá un orzamento da mercadoría de IKEA que procedese en cada caso) ao cliente, o SERVIZO darase por finalizado. En consecuencia, calquera contacto do cliente con IKEA posterior á finalización do SERVIZO relativo a, ou consecuencia de cambios de opinión do cliente, cuestións adicionais, solicitude do SERVIZO para outras estancias, ou similares, será considerado como solicitude dun novo SERVIZO DE DESEÑO DE INTERIORES PARA EMPRESAS, debendo o cliente aboar o importe correspondente segundo as condicións establecidas no presente documento.

Infórmase aos clientes que o enderezo de correo electrónico proporcionado por IKEA para os efectos do SERVIZO DE DESEÑO DE INTERIORES PARA EMPRESAS poderá ser única e exclusivamente utilizado polos clientes para remitir a información requirida por IKEA ao cliente con relación ao citado SERVIZO DE DESEÑO DE INTERIORES PARA EMPRESAS, así como para concretar os detalles da cita ou videochamada. Non se atenderá ningunha outra comunicación por parte do cliente a IKEA a través deste enderezo electrónico que teña un obxecto diferente ao anteriormente exposto ou que fose enviado polo cliente con posterioridade á finalización da prestación do SERVIZO.

Infórmase así mesmo aos clientes de que, se optan finalmente e con carácter posterior á finalización do SERVIZO DE DESEÑO DE INTERIORES PARA EMPRESAS, por comprar a mercadoría en IKEA e contratar os servizos de transporte, montaxe e instalación con IKEA, é necesario asinar o correspondente contrato de servizos. Para o caso de cociñas, este contrato inclúe, ademais, a obriga para o cliente de contratar o servizo de verificación/medición antes de calquera montaxe de cociña. O prezo deste servizo seralle comunicado ao cliente antes de contratalo. Se o cliente realiza unha verificación e finalmente non contrata o servizo de instalación de cociña, IKEA cobraralle polo servizo de verificación/medición realizado; se o cliente cambia de opinión e eses cambios supoñen sucesivas verificacións/medicións, IKEA cobraralle o novo servizo de verificación. Se finalmente contrata o servizo de instalación, IKEA devolveralle ao cliente o importe da primeira verificación e só lle cobrará pola definitiva. A cociña que IKEA vaia medir ou instalar non pode estar en obras e debe dispor de corrente eléctrica e subministración de auga para poder comprobar a instalación.

SEGUNDA.- INFORMACIÓN, USO DE IMAXES E CESIÓN DE DEREITOS DE PROPIEDADE INTELECTUAL

O Cliente, con motivo do SERVIZO, poderá proporcionar a IKEA información e fotografías da(s) estancia(s) contratadas. Sexa como for, o Cliente absterase de incorporar imaxes persoais nas que aparezan persoas físicas, mesmo se é o propio Cliente ou un terceiro. En consecuencia, IKEA non utilizará imaxes nas que aparezan persoas físicas con motivo deste SERVIZO e procederá a borralas decontado no caso de o Cliente as enviar. Se eliminar estas imaxes implica que IKEA non pode prestar o SERVIZO correctamente, IKEA reserva a posibilidade de non prestar o SERVIZO ao Cliente.

Os dereitos de propiedade intelectual e industrial, incluídos os dereitos de autor e deseño de todo o contido audiovisual, así como todos os comentarios, fotografías e explicacións facilitados polo Cliente a IKEA con motivo do SERVIZO pertencerán a IKEA desde o momento no que o Cliente os facilite. IKEA ou o GRUPO IKEA poderá utilizar, publicar ou reproducir o anterior contido, así como o Proxecto proporcionado por eles, en todo o mundo, sen límite temporal, en calquera acción interna e externa con fins comerciais, de publicidade, promoción, publicación, información do SERVIZO ou documentación da realización do SERVIZO, que inclúe, a título enunciativo e non limitativo, en medios de comunicación, televisión, márketing directo, Internet, páxinas web, redes sociais ou calquera outro medio da natureza que for. O Cliente non terá dereito a ningunha remuneración nin compensación polo disposto no presente parágrafo.

O Cliente non poderá divulgar de ningún xeito nin por ningún medio o Proxecto obtido en virtude do SERVIZO.

TERCEIRA.- RESPONSABILIDADE

IKEA remite o Proxecto ao Cliente e queda exento doutras obrigas ou responsabilidades. O Proxecto reflicte unicamente a opinión de IKEA, é dicir, IKEA non se responsabiliza do uso que se faga do seu asesoramento de planificación nin dos danos e perdas que puidese sufrir o Cliente que formalice operacións e tome como referencia o asesoramento de planificación obxecto do SERVIZO.

O Cliente declara coñecer que todos os produtos que se venden en IKEA están destinados a un uso doméstico e foron sometidos a métodos de ensaio conforme as normas e estándares correspondentes. As garantías que ofrece IKEA con respecto aos seus produtos están condicionadas ao seu uso doméstico. A pesar de que algúns artigos de IKEA se recomendan para un uso doméstico-profesional, e non para institucións e administracións públicas, o Cliente deberá en todo caso e antes de efectuar a compra dun produto IKEA, asegurarse de que este é legalmente idóneo para o uso que lle quere dar. Para tal fin, existen fichas descritivas de produto dispoñibles para consultar en tenda e a través da páxina web https://www.ikea.com/es/gl/. IKEA non se fai responsable das posibles reclamacións derivadas dun uso diferente daquel para o que está concibido o artigo IKEA, así como tampouco da súa instalación ou localización. O Cliente exime a IKEA e, polo tanto, será o único responsable de ter en consideración e facer uso dos produtos IKEA que eventualmente mercase segundo as especificacións técnicas e instrucións de uso correspondentes, así como de verificar o correcto emprazamento e localización do produto no fogar do Cliente consonte o libro do edificio, as obrigas de uso e o mantemento do inmoble, manuais de emerxencia e evacuación, e outros requisitos que puidesen dimanar dos manuais e da normativa resultantes que se poidan aplicar ao fogar do Cliente, extremos que IKEA descoñece e cuxa responsabilidade será exclusivamente do Cliente.

Toda a información facilitada polo Cliente, que deberá ser válida e veraz, pasará a ser propiedade de IKEA, sen que IKEA poida responder dalgún xeito á veracidade, exactitude ou suficiencia da información facilitada entre ambas partes.

O Cliente exime a IKEA de calquera reclamación de terceiros derivada do incumprimento por parte do Cliente das garantías que outorgou nos presentes termos e condicións.

No caso dalgunha causa de forza maior ou atribuíble ao Cliente que impida a IKEA realizar algunha das obrigas asumidas en virtude dos presentes termos e condicións non suporá un incumprimento por parte de IKEA.

CUARTA.- MODIFICACIÓN E FINALIZACIÓN DO SERVIZO

IKEA resérvase o dereito, en todo momento e sen previo aviso, de modificar as presentes Condicións do SERVIZO DE DESEÑO DE INTERIORES PARA EMPRESAS, así como de actualizar, modificar ou eliminar o disposto nestas, mediante a publicación dunhas novas en substitución das presentes, a fin de que poidan ser coñecidas polos clientes en cada momento. Ademais, IKEA recorda a obriga que teñen os clientes de leren atentamente as Condicións do SERVIZO DE DESEÑO DE INTERIORES PARA EMPRESAS postas á súa disposición en cada momento, sendo sempre a aceptación destas un paso previo e indispensable para contratar o SERVIZO DE DESEÑO DE INTERIORES PARA EMPRESAS. Ademais, IKEA poderá, en calquera momento, deixar de prestar este SERVIZO DE INTERIORISMO PARA EMPRESAS e informar aos clientes de que o servizo xa non se atopa activo ou dispoñible. IKEA exclúe calquera responsabilidade polos danos e perdas de calquera natureza derivados do exercicio das anteriores facultades.

QUINTA.- LEXISLACIÓN E FORO

As discrepancias que poidan xurdir con relación á interpretación ou o cumprimento dos presentes termos e condicións resolveranse segundo o dereito español, e os conflitos eventuais dirimiranse ante os Xulgados e Tribunais de Madrid.

SEXTA.- CAPACIDADE E ACEPTACIÓN DOS PRESENTES TERMOS E CONDICIÓNS

O Cliente declara que dispón da capacidade legal necesaria e suficiente para utilizar o SERVIZO consonte os presentes termos e condicións, os cales comprende e acepta na súa totalidade e sen reservas. O propio feito da solicitude do SERVIZO e pagamento deste implica a aceptación total e sen reservas dos, e a submisión por parte do Cliente a, presentes termos e condicións.