Termos e condicións do servizo de planificación de baños
O presente documento regula os termos e condicións xerais de uso do "SERVIZO DE PLANIFICACIÓN DE BAÑOS (PRESENCIAL OU MEDIANTE VIDEOCONFERENCIA)" (en adiante, o "SERVIZO DE PLANIFICACIÓN DE BAÑOS" ou o "SERVIZO") entre IKEA IBÉRICA S.A.U., con domicilio social en Avenida Matapiñonera 9, CP 28703, San Sebastián de los Reyes (Madrid) e CIF A28812618 (en adiante, "IKEA") e o cliente (en adiante, o "Cliente").
PRIMEIRA.- DETALLE DOS SERVIZOS
Se precisas a nosa axuda para planificares o teu baño, a través da nosa web poderás contratar este SERVIZO DE PLANIFICACIÓN DE BAÑOS, que ten carácter gratuíto.
Unha vez solicites o SERVIZO que máis se axuste ás túas necesidades, poderás reservar o día da túa cita desde a propia web.
O SERVIZO inclúe o seguinte:
- Planificaremos todo o teu baño.
- Entregarémosche un deseño personalizado da túa composición que inclúe:
- Orzamento detallado: inclúe mobles, sanitarios, billas, almacenaxe auxiliar e accesorios (planner)
- Listaxe da compra dos artigos que precisas
- Informe (PPT)
Ademais, se precisa axuda ou queres reformar o teu baño, dicímosche como facelo.
Unha vez realizada a reserva, contactaremos de novo contigo por teléfono, correo electrónico ou calquera outra ferramenta que IKEA implantase para a xestión de citas para o SERVIZO DE PLANIFICACIÓN DE BAÑOS, informarémosche da documentación que imos precisar, e no caso de optar pola modalidade de videoconferencia, enviarémosche unha convocatoria a Teams (plataforma de reunións con vídeo) mediante unha ligazón á aplicación ou ferramenta que IKEA implantase para xestionar as citas para o SERVIZO DE PLANIFICACIÓN DE BAÑOS, co día e hora acordados.
No caso de o Cliente non proporcionar a IKEA a documentación necesaria requirida para fornecer correctamente o SERVIZO, cunha antelación de polo menos 24 h á videochamada ou cita convocada, o Cliente será considerado desistido, e non se realizará a cita ou videochamada.
No caso de o Cliente non aceptar expresamente a convocatoria da cita ou da videochamada, nin contactar con IKEA para modificar a data ou hora desta, cunha antelación de polo menos 24 h á videochamada ou cita convocada, o Cliente será considerado desistido, e non se realizará a cita ou videochamada.
Se se dese o caso de que o Cliente, aínda que aceptase a convocatoria ou a cita, non responda a chamada á hora prevista para a cita ou non se presente no establecemento na data e hora acordadas e, como resultado, non se poida prestar o SERVIZO por esta causa ou por calquera outra imputable ao Cliente, este deberá de solicitar un novo SERVIZO. Se a videochamada ou a cita presencial non se celebran na data e hora acordadas por unha causa imputable a IKEA, citarase ou convocarase novamente o Cliente para outra data e hora.
IKEA reserva así mesmo o dereito de modificar a data e hora da cita ou videochamada, ou mesmo de cancelala, sen ningunha penalización para IKEA, para o que abondará cunha notificación ao Cliente con polo menos 2 horas de antelación á hora proposta para a devandita cita ou videochamada.
Previamente á realización da cita presencial ou por videoconferencia, necesitaremos que nos envíes a información solicitada para poder preparar a cita da mellor maneira posible. Como mínimo precisaremos: medidas da estancia, tomas de auga e situación, tomas de electricidade e situación e localización dos elementos estruturais. É recomendable así mesmo enviar fotografías, evitando sempre que nesas fotografías non apareza ningunha persoa. A cita presencial ou videochamada realizarase co único fin de poder prestar o SERVIZO DE PLANIFICACIÓN DE BAÑOS para o baño solicitado.
O Cliente deberá de seguir as indicacións facilitadas por IKEA, debe evitar que nas videochamadas aparezan persoas físicas ou terceiros, particularmente menores de idade, e exime a IKEA da responsabilidade en caso contrario. IKEA gravará nin gardará as videochamadas. Non obstante, o Cliente acepta, mediante a contratación do SERVIZO DE DESEÑO DE BAÑOS, que dispón de autorización para gravar o espazo obxecto do SERVIZO DE DESEÑO DE BAÑOS.
Necesitarás ter en conta os seguintes aspectos para poder realizar este SERVIZO de forma satisfactoria:
- Dispoñer de teléfono móbil ou PC portátil con cámara
- Cobertura no domicilio onde se vai realizar o servizo (4G/wifi)
- Cinta métrica. Aconsellable un flexómetro de 5 a 8 metros.
O tempo máximo da videochamada ou da cita presencial será de 45 MINUTOS. Nese tempo prestarase o SERVIZO DE DESEÑO DE BAÑOS para o baño solicitado.
Unha vez rematada a videochamada ou a cita, nun prazo de 24 h enviarémosche o Proxecto coa planificación do teu baño ao enderezo de correo electrónico que usaches para contactar connosco.
Unha vez enviado o Proxecto do SERVIZO DE PLANIFICACIÓN DE BAÑOS (que incluirá un orzamento da mercadoría de IKEA que proceder en cada caso) ao Cliente, o SERVIZO darase por finalizado. En consecuencia, calquera contacto do Cliente con IKEA, posterior á finalización do SERVIZO relativo a, ou consecuencia de, cambios de opinión do Cliente, cuestións adicionais, solicitude do SERVIZO para outras estancias, ou similares, considerarase unha solicitude dun novo SERVIZO DE PLANIFICACIÓN DE BAÑOS.
Infórmase aos clientes que o enderezo de correo electrónico proporcionado por IKEA para efectos do SERVIZO DE PLANIFICACIÓN DE BAÑOS poderá ser única e exclusivamente utilizado polos clientes para remitir a información que IKEA requirise ao Cliente con relación a devandito SERVIZO DE PLANIFICACIÓN DE BAÑOS, así como para concretar os detalles da cita ou videochamada. Non se atenderá ningunha outra comunicación por parte do Cliente a IKEA a través deste enderezo que tiver un obxecto diferente ao anteriormente exposto ou que o Cliente envíe con posterioridade á finalización da prestación do SERVIZO.
Infórmase así mesmo aos clientes que, se o Cliente optar finalmente e con carácter posterior á finalización do SERVIZO DE PLANIFICACIÓN DE BAÑOS, por mercar a mercadoría en IKEA e contratar os servizos de transporte, montaxe e instalación con IKEA, é necesario que asine o correspondente contrato de servizos.
SEGUNDA.- INFORMACIÓN, USO DE IMAXES E CESIÓN DE DEREITOS DE PROPIEDADE INTELECTUAL
O Cliente, con motivo do SERVIZO, poderá proporcionar a IKEA información e fotografías da(s) estancia(s) contratadas. Sexa como for, o Cliente absterase de incorporar imaxes persoais nas que aparezan persoas físicas, mesmo se é o propio Cliente ou un terceiro. En consecuencia, IKEA non utilizará imaxes nas que aparezan persoas físicas con motivo deste SERVIZO e procederá a borralas decontado no caso de que o Cliente as enviar. Se eliminar estas imaxes implica que IKEA non pode prestar o SERVIZO correctamente, IKEA reserva a posibilidade de non prestar o SERVIZO ao Cliente.
Os dereitos de propiedade intelectual e industrial, incluídos os dereitos de autor e deseño de todo o contido audiovisual, así como todos os comentarios, fotografías e explicacións facilitados polo Cliente a IKEA con motivo do SERVIZO pertencerán a IKEA desde o momento no que o Cliente os facilite. IKEA ou o GRUPO IKEA poderá utilizar, publicar ou reproducir o anterior contido, así como o Proxecto proporcionado por eles, en todo o mundo, sen límite temporal, en calquera acción interna e externa con fins comerciais, de publicidade, promoción, publicación, información do SERVIZO ou documentación da realización do SERVIZO, que inclúe, a título enunciativo e non limitativo, en medios de comunicación, televisión, márketing directo, Internet, páxinas web, redes sociais ou calquera outro medio da natureza que for. O Cliente non terá dereito a ningunha remuneración nin compensación polo disposto no presente parágrafo.
O Cliente non poderá divulgar de ningún xeito nin por ningún medio o Proxecto obtido en virtude do SERVIZO.
TERCEIRA.- RESPONSABILIDADE
IKEA remite o Proxecto ao Cliente e queda exento doutras obrigas ou responsabilidades. O Proxecto reflicte unicamente a opinión de IKEA, é dicir, IKEA non se responsabiliza do uso que se faga do seu asesoramento de planificación nin dos danos e perdas que puidese sufrir o Cliente que formalice operacións e tome como referencia o asesoramento de planificación obxecto do SERVIZO.
O Cliente declara coñecer que todos os produtos que se venden en IKEA están destinados a un uso doméstico e foron sometidos a métodos de ensaio conforme as normas e estándares correspondentes. As garantías que ofrece IKEA con respecto aos seus produtos están condicionadas ao seu uso doméstico. A pesar de que algúns artigos de IKEA se recomendan para un uso doméstico-profesional, e non para institucións e administracións públicas, o Cliente deberá en todo caso e antes de efectuar a compra dun produto IKEA, asegurarse de que este é legalmente idóneo para o uso que lle quere dar. Para tal fin, existen fichas descritivas de produto dispoñibles para consultar en tenda e a través da páxina web www.IKEA.es. IKEA non se fai responsable das posibles reclamacións derivadas dun uso diferente daquel para o que está concibido o artigo IKEA, así como tampouco da súa instalación ou localización. O Cliente exime a IKEA e, polo tanto, será o único responsable de ter en consideración e facer uso dos produtos IKEA que eventualmente mercase segundo as especificacións técnicas e instrucións de uso correspondentes, así como de verificar o correcto emprazamento e localización do produto no fogar do Cliente consonte o libro do edificio, as obrigas de uso e o mantemento do inmoble, manuais de emerxencia e evacuación, e outros requisitos que puidesen dimanar dos manuais e da normativa resultantes que se poidan aplicar ao fogar do Cliente, extremos que IKEA descoñece e cuxa responsabilidade será exclusivamente do Cliente.
Toda a información facilitada polo Cliente, que deberá ser válida e veraz, pasará a ser propiedade de IKEA, sen que IKEA poida responder dalgún xeito á veracidade, exactitude ou suficiencia da información facilitada entre ambas partes.
O Cliente exime a IKEA de calquera reclamación de terceiros derivada do incumprimento por parte do Cliente das garantías que outorgou nos presentes termos e condicións.
No caso dalgunha causa de forza maior ou atribuíble ao Cliente que impida a IKEA realizar algunha das obrigas asumidas en virtude dos presentes termos e condicións, isto non suporá un incumprimento por parte de IKEA.
CUARTA.- MODIFICACIÓN E FINALIZACIÓN DO SERVIZO
IKEA reserva o dereito, en todo momento e sen previo aviso, de modificar as presentes Condicións do SERVIZO DE PLANIFICACIÓN DE BAÑOS, así como de actualizar, modificar ou eliminar o disposto nestas, mediante a publicación dunhas novas en substitución das presentes, a fin de que poidan ser coñecidas polos clientes en cada momento. Ademais, IKEA recorda a obriga que teñen os clientes de ler atentamente as Condicións do SERVIZO DE PLANIFICACIÓN DE BAÑOS postas á súa disposición en cada momento, sendo sempre a aceptación destas un paso previo e indispensable para contratar o SERVIZO DE PLANIFICACIÓN DE BAÑOS. Ademais, IKEA poderá, en calquera momento, deixar de prestar este SERVIZO, e informar aos clientes de que o servizo xa non se atopa activo ou dispoñible. IKEA exclúe calquera responsabilidade polos danos e perdas de calquera natureza derivados do exercicio das anteriores facultades.
QUINTA.- LEXISLACIÓN E FORO
As discrepancias que poidan xurdir en relación coa interpretación ou o cumprimento dos presentes termos e condicións resolveranse segundo o dereito español, e os conflitos eventuais dirimiranse ante os Xulgados e Tribunais do domicilio do Cliente.
SEXTA.- CAPACIDADE E ACEPTACIÓN DOS PRESENTES TERMOS E CONDICIÓNS
O Cliente declara que dispón da capacidade legal necesaria e suficiente para utilizar o SERVIZO consonte os presentes termos e condicións, os cales comprende e acepta na súa totalidade e sen reservas. O mero feito da solicitude do SERVIZO implica a aceptación total e sen reservas dos, e a submisión por parte do Cliente a, presentes termos e condicións.